A LUMIX G90 busca ser unha cámara sen espello ideal para foto e vídeo
venres, 5 de abril do 2019
Panasonic
anuncia que en xuño chegará ao mercado unha nova
cámara LUMIX G90, deseñada para unha alta mobilidade e facilidade de uso,
que xunto coa súa avanzada tecnoloxía busca ser ideal tanto para fotografías
como para vídeo.
Esta nova cámara estará equipada cun sensor Digital Live MOS de 20,3 Mpíxeles,
o último Venus Engine e un estabilizador de imaxe dual de 5 eixes; está preparada
para gravar acción nunha ampla variedade de situacións diferentes, e o seu
deseño busca a comodidade e o doado manexo a unha man. Conta con resistencia ao
po e ás salpicaduras, incorpora un visor electrónico OLED de grande precisión e
tamén unha pantalla traseira abatible de 3 polgadas para obter mellores
composicións dende calquera ángulo.
A LUMIX G90 permite gravar vídeo en 4K e Full HD a distintas velocidades de
fotogramas (permitido cámara lenta Full HD até a 120 imaxes por segundo) e
tamén conta con tomas para micrófono externo e auriculares. A conectividade vese
tamén enriquecida con Bluetooth e Wi-Fi, para poder transferir imaxes
rapidamente. Tamén é interesante o feito de que poida cargarse mediante USB sen
ter que extraer a súa batería.
Todas estas prestacións collen nun corpo de só 130,4 x 93,5 x 77,4 milímetros e
533 gramos de peso, de xeito que estamos ante unha cámara bastante compacta e
lixeira que venderase
nos EE.UU. a 1.199 dólares (o prezo europeo aínda non está confirmado).
- A LUMIX G90 é unha cámara lixeira, robusta e versátil, que tanto dispara fotografías detalladas como grava vídeo en 4K