A Libre Software World Conference traerá a Compostela aos principais representantes actuais do código aberto

martes, 18 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Xa vai quedando menos para a terceira edición do Libre Software World Conference (LSWC’12), un evento destinado a fortalecer as raizames do desenvolvemento e uso de programas abertos na nosa terra e, tamén, a afianzar as relacións cos centros mundiais de difusión de open source. A cita, de alcance internacional e amosando un elenco de relatores co que semella non querer deixar ningún aspecto da cultura libre sen cubrir, vén da man da asociación galega AGASOL e co apoio da axencia AMTEGA. Os días 18 e 19 de outubro temos pois unha cita coa comunidade do software libre en Santiago, na Cidade da Cultura. E cando falamos de comunidade, falamos de programadores, usuarios e impulsores, pertencentes aos eidos da empresa, a administración ou á propia cidadanía. Por certo que este martes 18 pecha o prazo para remitir presentacións.
O encontro é a día de hoxe un dos máis importantes a nivel estatal en difusión de open source, orientándose cara un enfoque principalmente profesional e empresarial. A xuízo de AGASOL, esta conferencia supón unha excelente oportunidade para coñecer de preto as principais novidades e innovacións técnicas, os novos produtos e proxectos no eido do software libre que hai en marcha en España, amais de servir como punto de encontro e networking entre os profesionais e empresas que se dedican a ofrecer servizos arredor do código aberto. Entre os relatores confirmados atopamos os seguintes:
· Bruce Perens: Creador da definición de Open Source Definition e cofundador xunto con Eric S. Reymond da Open Source Initiative (OSI).
· Chris DiBona: Chris DiBona é o director de Open Source para Google, Mountain View. Os seus equipos supervisan o cumprimento das licenzas e apoian á comunidade de desenvolvedores en código aberto a través de programas como o Google Summer of Code e por medio da publicación de proxectos de código aberto de software e parches.
· Christian Felber: Especialista en economía sustentable e alternativas aos mercados financeiros. Ten desenvolvido un novo modelo internacional: "A economía do ben común".
· Corinto Meffe: Director de integración de sistemas no Ministério do Planejamento, Orçamento e Gestão.
· Fernando Botelho: Fundador de F123, grupo que deseña proxectos co obxectivo de reducir a pobreza e mellorar o acceso á tecnoloxía.
· John Sullivan: activista da liberdade do software, hacker, e escritor. Actualmente é director executivo da Free Software Foundation, onde está traballando dende comezos do ano 2003. Ademais é poñente e webmaster do proxecto GNU.
Lembrar, por último, que a Libre Software World Conference 2012 de Santiago está concibida como un evento onde a filosofía do coñecemento aberto chega mesmo ao propio formato da conferencia: de libre acceso, previa confirmación. Proponse como fonte de solucións diversas, concretas e competitivas para calquera sector. Empresas, institucións e individuos encontrarán o intercambio de coñecemento e experiencias que procuran, amais de avances, casos concretos de éxito en aplicación de software libre, e foros de discusión creados especialmente para eles. A asistencia é gratuíta, só é preciso, como dixemos, inscribirse antes do 4 de outubro.