A MTV estreará en España un programa sobre eSports

xoves, 14 de abril do 2016 Marcus Fernández

Vodafone España reafirmou esta mañá a súa aposta polos deportes electrónicos co anuncio dun novo programa de televisión, Gamers, que achegará ao público o día a día dun equipo profesional de eSports, o G2 | Vodafone. Con este novo espazo audiovisual quérese dar a coñecer un mundo cada vez máis importante no lecer dos mozos españois cun formato pioneiro que verá a luz o vindeiro 28 de abril ás 22:00 horas na canle MTV, podendo seguirse tamén na canle de YouTube de eSports Vodafone.
En febreiro Vodafone desembarcou nos deportes electrónicos co patrocinio do club G2 | Vodafone, que compite na primeira categoría nacional do xogo League of Legends, no que compiten en liña equipos de 5 contra 5. Cada un dos compoñentes do equipo foi seleccionado por Carlos Ocelote Rodríguez, un dos xogadores españois de máis prestixio internacional da historia dos videoxogos. Esta semana engadiuse tamén a G2 | Vodafone o xogador de FIFA Abel Cortés. Os xogadores do G2 | Vodafone instaláronse nunha gaminghouse en Madrid, encontro de alto rendemento onde conviven, adestran e compiten nos distintos torneos, no que se desenvolverá grande parte do programa de televisión Gamers, un formato inédito en España que seguirá día a día dun equipo profesional de deportes electrónicos: os seus adestramentos, charlas tácticas, estudo dos rivais e partidas.
O programa terá formato de docureality, cun total de 13 capítulos de media hora de duración cada un e será presentado pola actriz canaria Mariam Hernández. Ademais, contará en cada capítulo con invitados especiais, cos que os xogadores compartirán experiencias que poderán aplicar na súa vida persoal e profesional.

Vídeo de presentación de GAMERS

PUBLICIDADE