A Marvel estrea un videoxogo de loita para dispositivos móbiles

mércores, 10 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Na pasada edición da Comic Con de San Diego anunciouse o xogo Marvel: Contest of Champions, que ofrecería a posibilidade de enfrontar a numerosos personaxes do Universo Marvel en combates de grande acción aderezados con algúns toques de rol, que incluso contaría coa presenza dos integrantes dos grandes grupos de superheroes que están a trunfar nas salas cinematográficas, como Los Vengadores e os Guardianes de la Galaxia, e finalmente ve a luz para dispositivos móbiles.
Dende hoxe podemos descargar de balde Marvel: Batalla de Superhéroes a través da App Store ou de Google Play, para así poder gozar deste título con excelentes gráficos que basea o seu modelo de negocio nas compras ­dentro da aplicación, para poder progresar axeitadamente (con melloras para os personaxes e adquirindo novos loitadores, para o que hai que canxear runas moi lentas de conseguir sen realizar o pagamento con cartos reais).

JPEG - 122.6 KB
No xogo podemos potenciar os loitadores e adquirir outros novos pagando cunha moeda virtual (runas)

O xogo sitúanos nunha situación na que El Coleccionista convocou ao xogador a participar nunha batalla épica contra Kang el Conquistador, para o que haberá que formar un grupo de superheroes (e superviláns) que loitarán para evitar a destrución do Universo Marvel no trepidante Modo Misión.
O cadro de loitadores é moi completo, cos principais personaxes da Marvel (Spider-Man, Capitán América, Thor, Hulk...) e outros menos coñecidos (Gamora, Masacre, Punisher, Rayo Negro, Abominación...) participando en combates nos que non controlaremos os desprazamentos sobre a area, senón que dirixiremos só os ataques que lanza a figura que controlemos mediante xestos táctiles en pantalla, o que é unha mecánica de xogo máis acaída a dispositivos móbiles que o uso dos moitas veces criticados controis virtuais en pantalla.
Marvel: Batalla de Superhéroes tamén conta con funcións en liña, o que pretende contribuír a incrementar a diversión e potenciar a afinidade dos usuarios co propio xogo.

JPEG - 113.4 KB
Para poder acelerar a progresión no xogo é posible mercar runas con cartos reais


Trailer do novo videoxogo desenvolvido por Kabam

PUBLICIDADE