A Marvel prepara con Oculus un xogo de realidade virtual

luns, 17 de xullo do 2017 Marcus Fernández

A pasada fin de semana no marco da D23 Expo anunciouse un novo xogo cooperativo multixogador de realidade virtual desenvolvido grazas á colaboración da Marvel, Sanzaru e Oculus Studios, MARVEL Powers United VR, que permitirá a 4 xogadores simultáneos introducirse virtualmente no Universo Marvel encarnado a ducias de personaxes de banda deseñada dos que están confirmados a Capitana Marvel, Mapache Cohete e Hulk.
Deste xeito, os usuarios que vistan un casco de realidade virtual Oculus Rift cos seus controis por movemento (Oculus Touch) poderán desencadear a furia de Hulk dando puñazos ou aplaudindo para provocar grandes danos aos viláns aos que haberá que enfrontarse, mentres que Mapache Cohete empregará as súas armas de fogo e a Capitana Marvel tirará proveito dos seus disparos de fotóns, da súa superforza e incluso do seu poder de voo, conseguindo un nivel de inmersión que os seareiros destes personaxes levaban anos esperando e que poderán comezar a gozar en 2018.

PUBLICIDADE