A Mesa lanza unha app para salientar os negocios lingüisticamente responsábeis co galego

luns, 17 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou hoxe unha aplicación informática para facilitar, coa axuda dos móbiles, a localización dos negocios que usen ou promovan a nosa lingua: lingüísticamente responsábeis e comprometidos. A ferramenta foi dada a coñecer polo presidente da entidade, Marcos Maceira, acompañado da directora de Abertos ao galego, Celia Armas, e mailo deputado de Cultura e Lingua de Pontevedra, Xosé Leal. Segundo avanzaron, trátase dun recurso tecnolóxico que “quere pór en valor a presenza da nosa lingua nos establecementos comerciais e de servizos”, e que está dispoñíbel (de balde) para dispositivos con Android ou iOS.
Na presentación tamén fixeron fincapé na sinxeleza da ferramenta, “moi intuitiva” e doada de usar no seu cometido de localizar (no mapa ou en modo busca) os negocios que empregan o galego. Ademais, a app filtra procuras tanto por nome como por categorías, permitindo ás usuarias e usuarios puntuar (do 1 ao 5) o uso que se fai da lingua galega na atención oral, escrita e virtual de estabelecementos e comercios. Tamén se poden facer comentarios adicionais, “para ampliar a precisión da valoración”, informaron Maceira, Armas e Leal, engadindo que a aplicación é unha ferramenta en desenvolvemento que se irá mellorando co uso da cidadanía: “Fica aberta a novas incorporacións, que se poden cursar a través dun sinxelo formulario dixital”.
Segundo fixo saber Maceira nun plano máis concreto, a nova app xorde co obxectivo de que o público valore e priorice o consumo e uso de servizos proporcionados en estabelecementos lingüisticamente responsábeis.
A aplicación móbil forma parte do proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole. Desde o cumprimento da lexislación lingüística e o estabelecemento de medidas concretas para o uso do galego, até o uso sistemático do galego tanto interna como externamente e a solicitude de información e documentación en galego a provedores e administracións, Abertos ao Galego, en palabras da Mesa, “acompaña e apoia aquelas entidades que apostan dun xeito consciente pola lingua propia amosando á cidadanía os seus esforzos e animando os consumidores e consumidoras a apoialas, escollendo os seus produtos ou servizos”.

PUBLICIDADE