A Mesa promove un apagamento de RTVE en defensa dun audiovisual en galego

mércores, 6 de outubro do 2021 Redacción

A Mesa pola Normalización Lingüística anima a sociedade galega a apagar as canles de RTVE o vindeiro luns como protesta polo desprezo que sofre a nosa lingua por parte da televisión pública española e que, en palabras do presidente da entidade, Marcos Maceira, «acadaron a súa máxima expresión na emisión de Master Chef do pasado luns».
A entidade de defensa da lingua propón apagar La1, La2, Clan, Teledeporte e 24h o día 11 de outubro de 0:00 a 24:00 horas, agás as emisións en galego en La1 de 14h ás 14:20 e de 15:55 a 16:15 horas como un xeito de denuncia. «Só emiten en galego 39 minutos dun total de 120 horas, o que supón o 0,5% dos seus contidos diarios e o 0% dos contidos infantís ou xuvenís» lembra Maceira, «e aínda se permiten emitir tentativas de parodias co galego, pagadas co noso diñeiro», ao que engade que «queremos galego na televisión que pagamos».
Con este apagamento, a Mesa quere destacar tamén o acordo unánime do Parlamento galego a favor da dobraxe, subtitulado e audiodescrición en TVE. Respecto a isto e á presenza do galego na nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, a Mesa está a desenvolver unha campaña social que se pode apoiar asinando na páxina web da Mesa e o presidente da Mesa afirma que xa se dirixiu á dirección estatal de TVE até en tres ocasións solicitando unha entrevista coa dirección para lle presentar a reivindicación de máis horas en galego e presenza dobrada e subtitulada en toda a programación, sen obter resposta ningunha. «Esta actitude contrasta coa dirección galega e co persoal de RTVE en Galiza», recoñece Maceira, «cuxo compromiso coa lingua galega está fóra de toda dúbida».
A Mesa anima a ver series e filmes en galego a través das diferentes canles e plataformas.

PUBLICIDADE