A NBA terá unha competición de eSports de seu

xoves, 9 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Unha curiosa nova chega da man da NBA, xa que vén de pechar un acordo con Take-Two Interactive Software para lanzar a NBA 2K eLeague, ou sexa, a súa propia competición oficial no eido dos eSports que basearase na serie de xogos NBA 2K, e que sería a primeira competición de eSports promovida dende un deporte profesional norteamericano. Esta nova liga botaría a andar en 2018 e seguiría o formato habitual das ligas deportivas estadounidenses: unha tempada regular, un sistema de playoffs por eliminatoria e un enfrontamento final polo campionato.
Amais, os participantes crearán os seus propios avatares e non usarán a versión electrónica dos xogadores da NBA.
A NBA 2K eLeague comezará con 8-12 equipos (aínda que confían en que máis adiante chegará aos 30 equipos que forman a liga profesional) que terán equipos de 5 xogadores que competirán para facerse por un grande premio de 250.000 dólares.

PUBLICIDADE