A NEOGEO mini poderase reservar a partires do luns por 129,99 euros

mércores, 5 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Para celebrar o 40º aniversario de SNK está prevista a posta á venda dunha consola de videoxogos NEOGEO mini, que integrará 40 xogos da clásica máquina recreativa NEOGEO que tantos éxitos colleitou na década dos 90. Esta consola imita o formato dunha máquina recreativa, integrando unha pantalla de 3,5 polgadas e unha versión en miniatura dun mando arcade, máis pensado como elemento decorativo que funcional, de aí que esta consola incorpore conectores laterais para mandos externos e tamén teña saída HDMI para poder gozar dos xogos nunha pantalla de maior tamaño.
Esta consola sairá á venda no mes de outubro, pero as reservas abriranse o vindeiro luns, de aí que xa desen a coñecer detalles como os 40 xogos que incluirá a versión europea da consola, que serán os seguintes: 3 Count Bout, Art Of Fighting, Blazing Star, Blue’’s Journey, Crossed Swords, Fatal Fury Special, Football Frenzy, Garou: Mark Of The Wolves, Ghost Pilots, King Of The Monsters, King Of The Monsters 2, Kizuna Encounter, Last Resort, Magician Lord, Metal Slug, Metal Slug 2, Metal Slug 3, Metal Slug 4, Metal Slug 5, Metal Slug X, Mutation Nation, Ninja Master’’s, Puzzled, Real Bout Fatal Fury, Robo Army, Samurai Shodown II, Samurai Shodown IV, Samurai Shodown V Special, Sengoku3, Shock Troopers, Shock Troopers 2nd Squad, Super Sidekicks, The King Of Fighters 2000, The King Of Fighters 2002, The King Of Fighters ’’95, The King Of Fighters ’’97, The King Of Fighters ’’98, The Last Blade 2, Top Player’’s Golf e World Heroes Perfect.
Se ben son moitas as ausencias, como Breakers, Double Dragon, Karnov’s Revenge, Neo Bomberman, Neo Drift Out, Neo Turf Masters, Puzzle Bobble ou Windjammers (estes dous últimos posiblemente os xogos non de loita máis representativos da consola), a selección é o bastante ampla como para que moitos nostálxicos accedan a facer un investimento de 129,99 euros para facerse con eles nunha pequena máquina á que podemos conectar uns gamepads que venderanse por separado e que probablemente saian á venda a un prezo que estea preto dos 30 euros cada un, facendo que o produto completo teña un prezo excesivo, especialmente se temos en conta que a experiencia que achegará distará moito do goce dos xogos en recreativa.

Vídeo promocional da NEOGEO mini

PUBLICIDADE