A Nintendo 3DS actualizarase o 7 de xuño

xoves, 12 de maio do 2011 Marcus Fernández

Este mes a Nintendo 3DS debería recibir unha importante actualización que activará moitas das funcionalidades máis interesantes da nova consola portátil de Nintendo, pero finalmente a división europea de Nintendo anunciou que non chegará ata o vindeiro 7 de xuño.
Esta actualización poderá descargarse de balde (a través dunha conexión a Internet) e entre as súas novidades estaría a incorporación dun navegador web capaz de amosar imaxes en 3D e a agardada Nintendo eShop, servizo no que poderán descargarse contidos (de balde e de pagamento) para a consola, entre os que destacan xogos de anteriores consolas portátiles de Nintendo. Entre os primeiros títulos confirmados para a eShop serían os xogos Rockman Dash 3 Prologue e Petitcom, os clásicos Excitebike, Legend of Zelda e Xevious, os xogos de Gameboy Ikari no Yousai e Phantasm, o xogo de Gameboy Color Super Mario Land e a demo de The Legend of Zelda DX. Tamén estarán dispoñibles varios xogos de PC Engine.
En anteriores ocasións tamén se comentou que será posible tanto gravar como reproducir vídeo 3D coa 3DS, pero polo momento a actualización que converterá a consola nunha videocámara estereoscópica non está confirmada.

PUBLICIDADE