A Nintendo 3DS arrasa no Xapón durante o Nadal

luns, 9 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Nos últimos días a Nintendo 3DS quintuplicou as vendas da PS Vita no Xapón

Aínda non temos datos a nivel mundial para poder facer balance da campaña de Nadal, pero se tomamos como referente a información que chega dende Xapón temos unha situación realmente rechamante, xa que a nova consola portátil de Sony, a PS Vita, estaría a ter unha caída de vendas realmente preocupante, mentres que a Nintendo 3DS non só arrasou nas pasadas festas, senón que sería a consola máis vendida da historia no mes de decembro segundo os datos que manexa Enterbrain, con 1.492.931 unidades vendidas no Xapón entre o 28 de novembro e o 25 de decembro.
Mentres a Nintendo 3DS achégase aos 1,5 millóns de unidades no país asiático, a PS Vita tivo que conformarse con 402.794 unidades, das que a meirande parte corresponderon ao mes de lanzamento, tras o que foron caendo as vendas (primeiro a 72.479 consolas á semanas e logo a 42.648 unidades), o que leva a entender que a aproximación da nova portátil de Sony aos smartphones xoga na súa contra, e podería ser un fracaso, aínda que moitos tamén opinaban o mesmo sobre a Nintendo 3DS ata hai poucas semanas.
Pero a Nintendo 3DS non só está a vender moitas consolas no Xapón, senón que estas cantidades tamén teñen o seu reflexo nas vendas de videoxogos, e durante a última semana os 4 xogos máis vendidos no mercado nipón corresponderon a esta plataforma (concretamente os títulos Mario Kart 7, Monster Hunter Portable 3G, Super Mario 3D Land e Inazuma Eleven Go Shine/Dark. De feito, dos 10 xogos máis vendidos no Xapón só está un para unha consola que non sexa de Nintendo (o Final Fantaxy XIII-2 para PlayStation 3 nun 5º posto), o que confirma a boa saúde tanto das Nintendo DS/3DS como da Wii, pese á visión que ten a crítica especializada sobre estas plataformas que considera menores e que conserva o favor do público.
Enterbrain tamén estima que durante 2011 a consola máis vendida sería a Nintendo 3DS con máis de 4 millóns de unidades dende o seu lanzamento en febreiro, seguida pola PSP con 2 millóns de unidades e a PS3 con 1,5 millóns de consolas. ¿Terá que baixar de prezo apresuradamente a PS Vita para poder seguirlle o ritmo á 3DS? ¿Volverá a pagar caro Sony o deixar que unha consola competidora se adiante preto dun ano nas tendas?

PUBLICIDADE