A Nintendo 3DS estará dispoñible en rosa e branco antes do Nadal

martes, 25 de outubro do 2011 Marcus Fernández

O paquete da Nintendo 3DS branca co xogo Super Mario 3D Land podería converterse nun dos grandes agasallos do vindeiro Nadal

De cara ao Nadal dende Nintendo quere ampliar a oferta cromática da súa nova consola portátil, de aí que anuncien novos paquetes de consola + xogo, polo que dende o 18 de novembro poderemos adquirir a Nintendo 3DS de cor rosa coral xunto co xogo Nintendogs Golden Retriever e dende o 2 de decembro estará dispoñible a Nintendo 3DS en cor branco polar co agardado xogo Super Mario 3D Land.
Actualmente a Nintendo 3DS pode adquirirse en cor azul aqua, negro cosmo e vermello metálico, e a estrea de 2 novas cores vai ampliar as posibilidades de elección de cara aos agasallo de Nadal, cando esperan ter unhas vendas espectaculares, pois esta tempada será a única consola de videoxogos nova (a PS Vita e a Wii U non chegarán ata 2012) e contará con grandes xogos como Super Mario 3D Land, Mario Kart 7, StarFox 64 3D, The Legend of Zelda: Occarina of Time ou Street Fighter IV 3D Edition, o que supón unha oferta moi atractiva que promete mellorar o ano que vén.
Cómpre matizar que as versión da Nintendo 3DS en cor rosa coral e branco polar tamén poderán adquirirse por separado a partir dos días 9 e 16 de decembro, aínda que os paquetes cun xogo incluído poderían resultar máis atractivos á hora de adquirilos como agasallo de Nadal (quedando as consolas soltas para engrosar o catálogo a longo prazo de Nintendo).

Os seareiros de Nintendogs poderán mercar o xogo xunto cunha Nintendo 3DS de cor rosa

PUBLICIDADE