A Nintendo 3DS terá acceso a Netflix e gravará vídeo

xoves, 3 de marzo do 2011 Marcus Fernández

A Nintendo 3DS conseguiu destacar na Game Developers Conference, con anuncios tan destacables coma o feito de que no verán vai incorporar (inicialmente nos EE.UU.) acceso ao servizo de vídeo baixo demanda Netflix (actualmente dispoñible para as consolas domésticas Wii, Xbox 360 e PlayStation 3), á vez que a finais de maio vai contar cunha actualización descargable que vai activar a Nintendo eShop, plataforma que permitirá ver trailers das películas cinematográficas en 3D, trailers de videoxogos, vídeos musicais e todo unha sorte de contidos.

A 3DS tamén gravará vídeo

Tamén contará cunha Consola Virtual (que permitirá recuperar xogos de Game Boy, Game Boy Color, Game Gear e TurboGrafx-16) e con 3D Classics (videoxogos que serán remasterizados para as 3D da nova portátil).
Outro detalle que resultou de agradecer foi o feito de que anunciasen que a actualización do software da Nintendo 3DS achegará a gravación de vídeo en 3D coas súas cámaras estereoscópicas, prestación na que levaban meses traballando e que non conseguiron ter dispoñible antes do lanzamento da consola.

PUBLICIDADE