A Nintendo 3DS tivo unhas fortes vendas en 2013

venres, 10 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que non eran poucas as voces que apuntaban a que as consolas de videoxogos domésticas estaban destinadas á extinción polo pulo de smartphones e tablets, Nintendo non para de demostrar que nese ámbito continúa a ser a compañía que se mantén en cabeza, e vén de anunciar que durante 2013 as vendas de xogos para Nintendo 3DS tiveron un incremento anual do 45%, á vez que confirman que o número de consolas 3DS vendidas nos EE.UU. chegaría aos 11,5 millóns.
Nintendo estima que os seus clientes norteamericanos adquiriron 16 millóns de xogos para Nintendo 3DS (sumando vendas en formato físico e descargable), o que confirmaría o favor do público, que iría en consonancia co da crítica, con 7 xogos durante 2013 que superaron unha puntuación de 85 sobre 100 en Metacritic (por exemplo, The Legend of Zelda: A Link Between Worlds acadou un 91 e Fire Emblem: Awakening conseguiu incluso un 92 sobre 100).
Temos así que Nintendo está a conseguir unha magnífica acollida coas súas consolas portátiles, estimándose que a familia da 3DS tería vendido uns 42,3 millóns de unidade dende o seu lanzamento, o que sería preto de 6 veces o volume de vendas das PS Vita de Sony, aínda que queda moito camiño para chegar aos preto de 154 millóns de Nintendo DS que se venderon nos últimos anos.

PUBLICIDADE