A Nintendo Switch podería saír á venda o 17 de marzo a uns 300 dólares

martes, 27 de decembro do 2016 Marcus Fernández

En poucas semanas saberanse os plans de lanzamento da Nintendo Switch, pero antes de que a compañía nipoa debulle dos detalles do que promete ser todo un éxito no mundo dos videoxogos pola xenial combinación de consola portátil e doméstica, unha xornalistas especializada en videoxogos, Laura Kate Dale, con acceso a moita información bastante fiable, acudiu a Reddit para adiantar numerosos detalles que, se ben non teñen garantía de ser certos, tendo en conta os antecedentes podemos asegurar que parecen atinados.
Dale data o lanzamento da Nintendo Switch no vindeiro 17 de marzo, no que sería un lanzamento internacional (Europa, EE.UU. e Xapón), o que sería unha das mellores novas para os xogadores, xunto co feito de que confíase en que a máquina careza de bloqueo rexional (o que permitiría que no futuro os usuarios poidan gozar de xogos importados, o que resulta moi importante para os afeccionados a xéneros pouco populares en Occidente, como os xogos de rol xaponés) e o seu prezo estaría no contorno dos 300 dólares, podendo ser incluso un chisco inferior.
A consola contaría con máis de 32 GB de almacenamento, chegaría ao mercado con 3 ou máis xogos exclusivos de compañías distintas a Nintendo (confirmando a confianza na nova máquina), contaría con conectividade 4G, a súa batería duraría máis de 3 horas e incluso gozaría de entrada cun completo catálogo de xogos na súa Consola Virtual.
O mes pasado Dale xa suxerira que algúns dos xogos de lanzamento de Nintendo Switch poderían ser 3D Mario, Mario Rabbids RPG, Skyrim, Just Dance 2017 e unha versión de Splatoon (que posiblemente podería venderse en lote coa consola). Nos seguintes meses tamén chegarían unha versión de Super Smash Bros., The Legend of Zelda: Breath of the Wild, o xogo de Telltale dos Gardiáns da Galaxia e adaptacións dos xogos Mario Kart 8, Mario Maker e Xenoblade X. Xa no outono sería posible a publicación de Pokémon Stars e Pikmin 4 e, para 2018, poderiamos ver unha especie de revisión de Beyond Good & Evil, que sería un título exclusivo para Nintendo Switch.
De cumprirse as previsións teriamos unha consola con catálogo moi forte, que dende o primeiro momento tira proveito das grandes franquías de Nintendo e de xogos que tiveron bastante éxito nos últimos anos, pero que non puideron converterse en fenómenos masivos por culpa das malas vendas da Wii U, o que a Nintendo Switch podería remediar, de xeito que Nintendo podería manter a súa liña de xogos de consola durante bastante tempo máis, sen ter que sucumbir ante smartphones e tabletas (plataformas que polo momento pretende atender con mecánicas de xogos diferentes ás das consolas tradicionais, polo que serían máis un complemento que un sucesión).

PUBLICIDADE