A Nintendo Switch supera o millón de consolas en España

xoves, 5 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos tempos Nintendo conseguiu pechar as bocas dos que daban por mortas as consolas de videoxogos, xa que nun momento no que trunfan os smartphones e as tabletas conseguiron que a súa Nintendo Switch fose un éxito rotundo, como confirman datos da consultora GfK, que estima que en España xa se venderon 1.036.000 unidades da Nintendo Switch, das que 332.000 corresponderían á nova Nintendo Switch Lite, que chegou ao mercado a finais de setembro e que, sen chegarmos ao Nadal ten confirmada a súa magnífica acollida.
Como é habitual nas consolas de Nintendo, os seus xogos de maior éxito tamén son os creados pola mesma compañía, de xeito que os 5 xogos máis vendidos coinciden cos que calquera xogador podería intuír: Super Mario Odyssey, Mario Kart 8 Deluxe, The Legend of Zelda: Breath of the Wild, Splatoon 2 e Super Smash Bros. Ultimate. Cómpre advertir de que os novos xogos de Pokémon aínda chegaron a Switch hai pouco máis dun par de semanas, polo que non sería de sorprender que nuns meses conseguisen destacar tamén polo seu nivel de vendas.

PUBLICIDADE