A Nintendo Switch venderá máis unidades o primeiro ano que a Wii U en toda a súa vida

luns, 30 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Nintendo presentou hoxe os seus resultados financeiros consolidados dos últimos seis meses, confirmando o bo rumbo da compañía grazas á Nintendo Switch, cunhas vendas netas de 374.041 millóns de iens (2.830 millóns de euros), o que supón un incremento interanual do 173,4% (cando en 2016 caera un 33%) e fai que a compañía revise as súas previsións de resultados para o ano fiscal que remata o 31 de marzo de 2018.
A presentación de resultados permítenos coñecer detalles das vendas da Nintendo Switch, que durante o semestre rexistrado colocou 4,89 millóns de consolas e 22,02 millóns de xogos, e incluso realizaron unha listaxe cos xogos máis vendidos, que quedarían do seguinte xeito:
- The Legend of Zelda: Breath of the Wild (con 4,7 millóns de copias)
- Mario Kart 8 Deluxe (4,42 millóns de unidades)
- Splatoon 2 (3,61 millóns de copias)
- 1-2 Switch (1,37 millóns de unidades)
- ARMS (1,35 millóns de copias)
Confirmaríase así o pulo das franquías clásicas (Mario e Zelda) e o fenómeno no que conseguiu converterse Splatoon, mentres que ARMS quedou moi lonxe do que Nintendo pretendía, e nin sequera a súa promoción foi capaz de convertelo no grande éxito para Switch que pretendíase. Cómpre destacar que Super Mario Odyssey aínda non está incluído no balance porque saíu á venda en outubro, de aí que os resultados do presente trimestre vaian ser moi interesantes, xa que confíase en que tal título sexa un supervendas e tamén dispare as xa de por si elevadas vendas da consola.
Tamén parece que o feito de que a Switch sexa unha consola para levar está a erosionar as vendas de xogos de Nintendo 3DS, que caeron un 28% interanual, aínda que o lanzamento da New Nintendo 2DS XL conseguiu que as vendas de consolas medrasen interanualmente un 5%.
De confirmarse as previsións de Nintendo, a Switch pecharía o seu primeiro ano con máis unidades vendidas que a Wii U nos seus 5 anos de vida, deixando claro o fracaso da anterior xeración e constatando que as consolas de videoxogos non están mortas como moitos auspiciaran coa emerxencia dos smartphones e as tabletas.

PUBLICIDADE