A Nintendo Wii podería ocasionar lesións

luns, 27 de novembro do 2006 Marcus Fernández

O Wall Street Journal chamou á reflexión sobre un perigo potencial que pode chegar nos vindeiros meses: as lexións por mor do uso de videoxogos.
Parece algo incrible, pois se había un argumento en contra do lecer electrónico era a súa pasividade, pero resulta que á entrada no mercado do mando da Wii, sensible ó movemento, podería trasladar doenzas coma o cóbado de tenista, polo que xa falan do cóbado de Wii.
O mando sensible ó movemento da nova consola de Nintendo fai que os xogadores movan os seus brazos de xeito compulsivo e con moita máis actividade do habitual, polo que unha partida ó xogo de tenis da Wii sería moi semellante ó esforzo articulatorio de xogar un partido de tenis real (agás pola resistencia ofrecida pola raqueta e a bola), pero os primeiros xogadores da Wii xa están a acusar dores nas costas e nos ombros, o que indica que os seus corpos non están afeitos á actividade física desenvolvida nunha partida no novo videoxogo, o que podería incluso ser bo como actividade física, pero malo de abusar deste tipo de xogo.
No Wall Street Journal comentan casos de rapaces que padeceron maniotas ó día seguinte de xogar coa Wii, e incluso outros problemas moito máis anecdóticos, como os accidentes provocados ó chocar co mobiliario doméstico mentres se xoga virtualmente ós birlos ou ó tenis (ou incluso os accidentes provocados pola perda de agarre do mando, que o converte nun proxectil que pode chegar a rachar a pantalla do televisor).
A propia Nintendo avisa nos xogos que se hai que asegurar de que “non haxa xente ou obxectos ó redor mentres se xoga” e incluso algún título advirte cada 15 minutos ós xogadores para que tomen un descanso.
Temos así que a actividade física de sistemas coma o Dance Dance Revolution teñen agora un complemento para os brazos, e os mozos que xa vían como a habilidade dos seus dedos polgares se incrementaba mediante a escritura de mensaxes no móbil terán agora que facer fronte a lesións que antes só padecían os deportistas profesionais.

PUBLICIDADE