A Nintendo Wii terá o seu propio xogo de Dragonball

venres, 13 de outubro do 2006 Marcus Fernández


Son Goku e os seus amigos non só tiñan éxito na TVG coa serie Dragonball, senón que teñen unha longa traxectoria no mundo dos videoxogos, comezando na vella SuperNintendo e chegando á actuais PS2 e PSP pasando incluso por máquinas recreativas, e agora van volver ó fabricante de consolas que os achegou inicialmente ós fogares, pois a Nintendo Wii tamén terá o seu propio xogo baseado na serie de animación de Akira Toriyama: Dragon Ball Z: Budokai Tenkaichi 2.
O lanzamento deste xogo podería ser un dos moitos argumentos para adquirir a nova consola de Nintendo, achegando os máis de 100 personaxes da serie a un xogo de loita no que se poden rememorar as pelexas da serie de animación, conservando a meirande parte das prestacións que xa tiña este xogo na súa versión para PS2, aínda que amosará distintos xeitos de manexar as técnicas do videoxogo, debido ás propias características dos mandos da Wii, que aínda non demostraron a súa idoneidade para este tipo de xogos, e terán aquí a súa proba de lume.
Estes novos xogos de Dragonball destacan pola súa aparencia gráfica, que en vez de presentar imaxes tridimensionais puras, procuran parecer debuxos animados cunha técnica de cel-shading, o que resulta moi atractivo para os seguidores da serie de televisión.
Unha mágoa que a dobraxe dos videoxogos resulte excesivamente cara, porque sería magnífico poder escoitar as cancións orixinais e as voces dos personaxes como chegaron por primeira vez a Galicia da man da TVG.
Podemos ver unha imaxes do xogo en vivo:

Aínda que resulta máis abraiante ver un combate íntegro, con tódolos seus efectos visuais e sonoros:

PUBLICIDADE