A PS Vita podería chegar en novembro con máis de 20 xogos de lanzamento

mércores, 22 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Pese a que nun principio parecía improbable que Sony introducise no mercado a súa nova consola portátil antes de marzo de 2012, as últimas informacións apuntan a que finalmente podería chegar ás tendas europeas o 4 de novembro de 2011 a 249 euros (o modelo Wi-Fi), o que daría pé a unha competencia sen precedentes de cara ao Nadal, xa que Nintendo 3DS e PS Vita terán que loitar por facerse co favor dun público que veu como nos últimos anos as consolas portátiles foron perdendo pulo por mor de dispositivos como o iPod Touch e o iPad.
Un dos detalles máis rechamantes da PS Vita (aparte do seu atractivo prezo inicial) sería o seu catálogo de xogos de lanzamento, que tería un prezo que podería estar preto dos 45 euros e que sería sumamente completo cos seguintes títulos (sen confirmar): Bioshock, Dynasty Warriors, Everybody’s Golf, Killzone, Little Deviants, LittleBigPlanet, Modnation Racers, Monster Hunter Portable, WipEout 2048, Virtua Tennis 4, Uncharted: Golden Abyss, Top Darts, Super Stardust Delta, Street Fighter x Tekken, Silent Hill: Book of Memories, Sound Shapes, Smart As, Ruin, Ridge Racer, Resistance e Reality Fighters. Agardemos que desta volta o feito de volver a apostar por títulos máis propios de plataformas domésticas que portátiles non lle pase factura a Sony como coa PSP, consola que aprendeu polas malas que certos xogos perden moita forza ao non gozarse en pantalla grande e cuns controis cómodos.

A PS Vita mellora considerablemente o deseño da PSP e ofrecerá un nivel técnico semellante ao das consolas domésticas

PUBLICIDADE