A PS5 prepárase para poder funcionar a 1.440p

xoves, 28 de xullo do 2022 Marcus Fernández

A PlayStation 5 está a recibir melloras paulatinamente, adaptándose ás demandas dos usuarios, e a última versión de proba do seu software de sistema inclúe unha novidade especialmente interesante: o soporte da resolución de vídeo 1.440p.
Até o momento a PS5 podía pasar de Full HD (1.080p) a 4K (2.160p), sen contar cunha resolución intermedia (1.440p), que curiosamente goza de grande popularidade entre os gamers, que apostan por tal resolución en monitores para poder gozar de animacións rápidas a unha resolución contida, conscientes de que as súas máquinas non son capaces de conseguir altas taxas de refresco a resolucións moi elevadas.
Coa activación da saída de vídeo por HDMI a 1.440p permítese empregar tal resolución en xogos que a soporten nativamente, mentres que se non están preparados, o sistema partirá da resolución 4K para facer unha mostraxe que permita que as imaxes poidan verse con grande calidade a 1.440p.
A beta de sistema tamén inclúe outras novidades, como a posibilidade de crear até 15 listaxes de até 100 xogos cada unha, facilitando así a organización das coleccións de xogos; permite comparar o son estéreo e 3D dende unha mesma pantalla (para facilitar a elección do tipo de son a usar); fai máis doado atopar as actividades en curso dos xogos; incorpora a función de solicitar a outro usuario que comparta a súa pantalla; e incluso incorpora o envío de adhesivos e mensaxes de voz dende a fiestra dun grupo co que esteamos a interactuar.

PUBLICIDADE