A PlayStation 3 recibe 4 novos xogos Platinum

luns, 5 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Os videoxogos para consolas de alta definición chegan ás tendas a uns prezos sumamente elevados que non están ao alcance de todos os petos, pero a paciencia de moitos xogadores vese recompensada con importantes rebaixas que nalgúns casos oficialízanse, como na liña de xogos Platinum para PlayStation 3, na que fan unha selección dos mellores xogos ofrecéndoos a 29,99 euros (o que en moitos casos e menos da metade do prezo orixinal) e que agora recibe a 4 grandes xogos como son Gran Turismo 5, LittleBigPlanet 2, Killzone 3 e Motorstorm Apocalypse.
Gran Turismo 5 é o xogo de condución máis agardado da historia (por terse demorado varios anos o seu desenvolvemento) e o primeiro da súa franquía en soportar carreiras en liña de ata 16 xogadores e danos nos vehículos, polo que é unha compra obrigada para os amantes do xénero; mentres que os que gocen menos da simulación poden optar polo espectacular Motorstorm Apocalypse. Con Killzone 3, en cambio, os seareiros dos shooters terán un xogo ideal para aproveitar ao máximo o potencial da PS3, quedando LittleBigPlanet 2 como un xogo para toda a familia, especialmente pensado para usuarios creativos que gustasen da súa primeira entrega.

PUBLICIDADE