A PlayStation 3 recibe este mes unha remasterización da saga R-Type

xoves, 8 de maio do 2014 Marcus Fernández

Sony confirma que o vindeiro 21 de maio incorporará á PlayStation Store un auténtico clásico dos shoot’em up, o xogo de naves R-Type Dimensions, que combina nun único produto os xogos R-Type e R-Type II remasterizados para poder gozarse en alta definición na PlayStation 3, respectando os 14 niveis orixinais que suman os dous xogos arcade recuperados en formato descargable.
Non só incorporaron novos gráficos de alta resolución en 2D e 3D ao xogo, senón que tamén engadiron novas pistas sonoras e incluso ofrecen a posibilidade de conmutar entre os gráficos novos e os orixinais (para os amantes do retro) con só premer un botón. Como novidades tamén teremos un modo de xogo infinito, un selector de nivel (que permite aos xogadores adestrar para coñecer os niveis en profundidade), modo multi-xogador local cooperativo, a posibilidade de xogar a cámara lenta, botóns configurables, marcadores globais, estatísticas dos xogadores e trofeos.
Unha excelente oportunidade para rememorar todo un clásico sen ter que deixar cantidades inxentes de moedas nos salóns recreativos.

R-Type recibiu un tratamento para que os seus gráficos fosen acordes á alta definición que permite a PS3


Trailer de R-Type Dimensions para PlayStation 3

PUBLICIDADE