A PlayStation 4 chegará no Nadal a un prezo de 399 euros

martes, 11 de xuño do 2013 Marcus Fernández

A pasada madrugada Sony desenvolveu a súa presentación enmarcada na feira E3 destinada a dar a coñecer a súa consola PlayStation 4, e anunciar tanto os xogos que terá dispoñibles como a política que seguirá a nova plataforma de xogos en clara oposición á proposta de Microsoft cunha Xbox One moi orientada á Rede.
Aínda que os detalles técnicos da nova consola de Sony eran xa de sobra coñecidos, faltaba por ver a súa aparencia externa, presentándose unha máquina moi na liña das últimas xeracións de PlayStation (lembrando especialmente á PS2) e buscando unha orientación vertical, gardando unha liña bastante elegante pero cun volume considerable (mide 305 x 275 x 53 milímetros), pero o detalle máis salientable da PS4 non é o seu aspecto, senón o prezo de lanzamento que terá, que será de 399 euros no seu modelo máis básico (que non inclúe a PlayStation Camera que venderase solta por 49 euros) polo que parte dun prezo 100 euros inferior ao da Xbox One (o que podemos entender que é consecuencia da incorporación de Kinect como accesorio obrigatorio).

A franquía de Kingdom Hearts retómase 8 anos despois da súa última entrega

A PlayStation 4 chegará a Europa antes do Nadal (sen concretarse data), e entre os xogos cos que contará dende Sony quixeron destacar o Destiny de Bungie, Diablo III de Bungie, Kingdom Hearts III e Final Fantaxy XV de Square Enix, Assassin’s Creed IV Black Flag e Watch Dogs de Ubisoft, NBA 2K14 de 2K Sports, The Elder Scrolls Online de Bethesda e Mad Max de Warner Bros. Interactive Entertainment (selección algo rechamante por contar con varios xogos multi-plataforma), numerosos xogos independentes e numerosas creacións dos propios estudios de Sony como Killzone: Shadow Fall, Knack, inFAMOUS: Second Son, #DRIVECLUB e The Order: 1886.

Jack Tretton confirmou que Sony non tomará medidas contra a segunda man

Sony tamén soubo reaccionar ante a oposición do público ás medidas contra os xogos de segunda man e a esixencia de conectar a consola á Internet por parte de Microsoft, polo que o presidente da compañía, Jack Tretton, anunciou que a PS4 non incluirá ningunha mediada de protección deste tipo, aínda que si imitará á consola de Microsoft nun detalle: para poder xogar en liña será preciso estar subscrito ao servizo PlayStation Plus (que custa 6,99 euros/mes). A PS4 tamén carecerá de bloqueo rexional e facilitará a actualización do seu disco duro.
Sobre os servizos que a nova consola terá en liña destaca o sistema de xogo na nube de Gaikai, que facilitará o acceso a algúns xogos de PS3, pero que non botará a andar ata 2014 e tamén un completo catálogo de contidos audiovisuais dispoñible en liña, pero sen centrarse tanto neste aspecto como fai Microsoft.


A presentación completa de Sony no E3 vista en vídeo

PUBLICIDADE