A PlayStation 4 presenta fortes lanzamentos para os vindeiros meses

martes, 14 de xuño do 2016 Marcus Fernández

A pasada noite Sony celebrou a súa conferencia no marco da feira de videoxogos E3, aproveitando a ocasións para pór data a futuros lanzamentos, presentar novos títulos e concretar as datas da súa solución de realidade virtual e desvelar varios dos proxectos que se están a preparar para as mesmas e que indican unha confianza bastante grande porque as PlayStation VR poidan converterse no fenómeno dos vindeiros meses.
Os xogadores máis tradicionais de seguro que salientarán principalmente os novos lanzamentos desvelados a pasada noite, como son Days Gone, un novo Spider-Man de Insomniac Games, a recuperación da franquía de God of War, o anuncio de Death Stranding (o novo de Kojima Productions) e o anuncio de Resident Evil 7 (do que sorprenderon dando unha data de lanzamento relativamente próxima: o 24 de xaneiro de 2017).

God of War renóvase

No caso de God of War cumpríronse os rumores que hai dende o remate da saga orixinal do espartano Kratos, ou sexa, que finalmente a nova saga mudará de panteón, e opta pola mitoloxía nórdica, no que pode considerarse unha especie de reboot, no que a historia narrarase dun xeito bastante novo, o que resultará refrescante, de xeito que a novidade non se limitará a gozar de gráficos mellorados e contornos máis amplos, senón que a experiencia será máis completa e a historia máis traballada, facilitando que volvamos a meternos na pel deste violento personaxe na súa procura de vinganza.

Tráiler de presentación do novo God of War

Spider-Man terá un novo xogo exclusivo para PS4

Tamén podemos considerar todo un as na manga que o novo Spider-Man de Insomniac Games (os desenvolvedores de Ratchet & Clank) sexa exclusivo para PlayStation 4 e opte por ter como protagonista a un Home Araña que non é o das futuras películas, de xeito que crearán unha nova e auténtica historia do lanzarredes, camiño que pode ser todo un acerto se atendemos ao éxito da franquía de Batman Arkham.

Tráiler de presentación do novo xogo de Spider-Man

Outros títulos importantes dos presentados por Sony serían Horizon Zero Dawn, Detroit: Become Human e The Last Guardian, destacando este último por fixarse o seu lanzamento para o vindeiro 25 de outubro, o que fai que o xogo saía por fin da categoría de vaporware na que levaba anos encasillado.

20 anos de Crash

Aproveitando que nestas datas celébrase o 20º aniversario de Crash Bandicoot, Activision anunciou que este icónico personaxe será a estrela convidada a Skylanders Imaginators, aínda que os nostálxicos preferirán o anuncio de que a PlayStation 4 vai gozar de The Crash Bandicoot Remaster, que incluirá os tres primeiros xogos da saga do marsupial mutado.

En Skylanders Imaginator teremos como convidado ao vello Crash

Chega a realidade virtual á PlayStation

Que o 13 de outubro vaia chegar en unidades limitadas a PlayStation VR ao mercado non é ningunha sorpresa, e pese ao seu prezo de 399,99 euros parece que os cascos de realidade virtual van ser difíciles de conseguir inicialmente, especialmente se atendemos ao incremento da expectación provocado polos anuncios no E3, xa que vese que os grandes estudios de videoxogos parecen confiar máis na plataforma de Sony que nos cascos de realidade virtual para PC (que son moito máis caros, especialmente polo feito de requirir dun ordenador de moi alta gama).
Entre os xogos exclusivo para PlayStation VR destacan especialmente dous: Star Wars Battlefront: X-Wing VR Missions, que chegará a finais de ano e que permitirá somerxernos no universo de Star Wars pilotando un caza X-Wing nunha primeira persoa moi realista; e Batman: Arkham VR, xogo de Rocksteady Studios, que volve a facer un xogo do Gardián de Gotham, pero afastándose na saga anterior e ofrecendo un xeito novo de ser Batman grzas á realidade virtual, de xeito que permitirá explorar a Mansión Wayne e a Batcova, mudando completamente a narración ao que estamos afeitos para ofrecer unha historia moi persoal centrada na primeira persoa, polo que en vez de optar pola acción frenética, aposta por converterse nunha historia de misterio e asasinato cunha forte dose de psicoloxía tenebrosa.

Tráiler de presentación de Batman: Arkham VR

Vídeo coa conferencia de Sony no E3 íntegra

PUBLICIDADE