A PlayStation 5 podería chegar ao mercado en unidades bastante limitadas

xoves, 16 de abril do 2020 Marcus Fernández

Cando a COVID-19 comezou a azoutar terras chinesas chegaron os primeiros rumores de que a PlayStation 5 podería ter problemas para chegar ao mercado na campaña de Nadal por mor dos problemas na cadea de subministro, pero a situación é moito máis complexa se atendemos á información publicada por Bloomberg, medio que asegura que Sony está a limitar a produción inicial da futura consola, non por limitacións técnicas ou loxísticas, senón polo elevado prezo da máquina e a situación económica na que a pandemia deixará ao mercado.
Ao parecer Sony estaría a traballar nun escenario no que a produción de consolas PlayStation 5 até marzo de 2021 fose de entre 5 e 6 consolas, mentres que a PlayStation 4 conseguiu vender 7,5 millóns de unidades nos seus dous primeiros trimestres, o que leva a pensar que a PlayStation 5 vai chegar en unidades bastante limitadas e cun prezo máis preto do 600 euros que dos 400 euros, o que claramente sería un atranco para unhas boas vendas iniciais.
O volume da produción das novas consolas dependerá moito de como evolucione a situación da pandemia, e incluso os plans de promoción da PS5 están a verse frustrados, xa que non poderán realizar unha grande presentación pública na que anunciar o deseño da consolas e detallar a data de lanzamento e o prezo, tendo que conformarse con accións máis modestas, como a presentación do mando DualSense.
Dende Bloomberg aseguran que o lanzamento da PS5 e a Xbox Series X podería chegar a realizarse vendendo ambas consolas a perdas, precisamente para evitar que teñan prezos desproporcionados, polo que de chegar ambas a un prezo duns 500 euros podería facernos entender que simplemente non queren dar unha vantaxe á competencia, e prefiren ir tomando posicións cara a unha vindeira xeración de consolas que tardará bastantes meses en madurar, xa que vai chegar nunha conxuntura económica pouco propicia.
Tampouco debemos obviar o feito de que a pandemia vaia ter un impacto importante na fabricación das consolas (a distintos niveis) e incluso no desenvolvemento dos primeiros xogos, polo que o calendario de lanzamentos que tiñan previsto inicialmente non poderá cumprirse, e moitos títulos previsto para o lanzamento de ambas consolas non poderán estar rematados até ben avanzado 2021.

PUBLICIDADE