A PlayStation 5 podería vender 7,6 millóns de unidades até marzo

mércores, 28 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Ante a chegada da PlayStation 5, consola que chegará ás tendas o 19 de novembro, crearon un anuncio que homenaxea o desexo humano de superar os lindes e acadar o extraordinario, ou sexa, que fan un chamamento ás emocións en vez de presumir de características técnicas que pouco dirían á meirande parte dos consumidores.
Este vídeo promocional chega xusto despois de que Sony renda contas do seu último trimestre fiscal, dando a coñecer detalles como que até o 30 de setembro a PlayStation 4 vendeu 113,5 millóns de unidades, conseguindo superar amplamente os datos da PlayStation 3 (que vendeu 87,4 millóns de unidades en toda a súa vida), pero moi lonxe dos 155 millóns de PlayStation 2 que se venderon no seu día. Tamén resulta evidente que a proximidade dunha nova xeración erosiona as vendas da actual, vendéndose no último trimestre só 1,5 millóns de PS4, mentres que no mesmo trimestre de 2019 vendéronse 2,8 millóns de unidades e en 2018 vendéronse 3,9 millóns.
Pero as malas vendas da PS4 só son o anticipo dunha boa estrea da PlayStation 5, que nos EE.UU. xa rexistrou tantas reservas en 12 horas como a súa predecesora en 12 semanas, ou sexa, que podería ter pasado o millón de consolas encargadas, sendo a grande dúbida se Sony poderá atender a tan elevada demanda inicial.
Dende Bloomberg van un pouco máis aló, e aseguran que Sony prevé vender 7,6 millóns de consolas PlayStation 5 antes o remate do vindeiro mes de marzo, que é cando remata o ano fiscal. Estes datos poden sorprender ante o feito de que os prezos de lanzamento das novas consolas non son especialmente baixos (aínda que os analistas aseguran que Sony perderá cartos con cada consola vendida, como vén a ser habitual no inicio de cada xeración para Sony) e chegan cunha economía deprimida por mor da pandemia.
Curiosamente a pandemia pode lerse de dous xeitos diferentes no sector pois, se ben o poder adquisitivo dos consumidores cae, tamén é certo que o lecer electrónico é máis económico que as actividades de entretemento tradicionais, e tamén é a principal alternativa ante o confinamento da poboación, polo que os consumidores están máis receptivos a investir en videoxogos que no pasado.

Novo anuncio da PlayStation 5

PUBLICIDADE