A PlayStation Network estivo medio día fóra de servizo

martes, 5 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

A pasada xornada foi un día triste para moitos usuarios de consolas PlayStation que gozaban de días de lecer, xa que o servizo de PlayStation Network experimentou unha caída a nivel mundial que durou dende primeira hora da tarde de onte até primeira hora da mañá de hoxe, resultando especialmente frustrante para os usuarios que estaban a estrear consola e que en breve terán que incorporarse ao traballo ou aos estudos.
Que a PlayStation Network teña unha caída de medio día espertou temores a que, como en anos anteriores, esteamos ante ataques de denegación de servizo, o que non foi confirmado por Sony, compañía que si anunciou que compensará dalgún xeito aos prexudicados ampliando a duración das subscricións e alugueres afectados.
Este tipo de compensación resulta claramente insuficiente para os usuarios, especialmente se temos en conta que a caída do servizo en lugares como España tivo lugar durante as principais horas de xogo (tarde-noite) e nunha data na que as horas de xogo dispáranse por estar boa parte da poboación de vacacións, polo que non poder gozar do xogo en liña supón un prexuízo moi superior a quedar sen servizo un par de días de semana noutra época do ano.

PUBLICIDADE