A PlayStation Store oferta unha selección de grandes éxitos en Xapón

mércores, 29 de xuño do 2016 Marcus Fernández

A tenda dixital de xogos de PlayStation celebra dende hoxe e até o 13 de xullo un especial período de rebaixas coñecido como Big In Japan no que ofertan unha selección de grandes éxitos en Xapón con descontos de até o 60%, o que pode ser unha magnífica oportunidade para facerse con grandes xogos como Dark Souls III a 49,99 euros, Metal Gear Solid V: The Phantom Pain a 19,99 euros, a edición definitiva de DmC Devil May Cry a 12,99 euros, Street Fighter V (que recibirá novos contidos esta mesma semana) a 44,99 euros ou incluso Resident Evil 6 a só 11,99 euros.
Outras ofertas rechamantes poderían ser Digimon Story Cyber Sleuth a só 19,99 euros, as remasterizacións de Resident Evil e Resident Evil 0 a só 9,99 euros cada unha, o curioso xogo de loita J-Stars Victory VS+ a 19,99 euros, a remasterización de Gravity Rush a só 11,99 euros, Dragon Ball Xenoverse a 19,99 euros ou o xogo descargable Strider a só 4,49 euros.
Os xogos mencionados corresponden ás versións para PlayStation 4, mentres que para PlayStation 3 e PS Vita é inmensa a cantidade de xogos por menos de 20 euros, e incluso hai moitos xogos considerados auténticos imprescindibles (como Okami HD, Metal Gear Solid 3: Snake Eater – HD Edition, Demon’s Souls, ICO Classics HD, Shadow of the Colossus Classics HD ou Vanquish) por só 5,99 euros, de xeito que os que non teñan previsto dar o salto de xeración até o Nadal teñen aquí unha excelente oportunidade para ampliar a súa colección de xogos para pasar os vindeiros meses.

PUBLICIDADE