A PlayStation TV chegará a España en novembro compatible con 160 xogos de PS Vita

luns, 22 de setembro do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro 14 de novembro sairá á venda en España un novo dispositivo de Sony, a PlayStation TV, que permite recibir as partidas de PS4 noutro televisor do fogar e xogar a clásicos de PS Vita, PSP e da primeira PlayStation en pantalla grande, no que podería considerase como unha consola doméstica low-cost, que poderá adquirirse por dende 99,99 euros e que incluirá un vale de descarga para tres xogos dixitais (Worms Revolution Extreme, Velocity Ultra e OlliOlli) e 1 Gb de almacenamento integrado.
Entre os xogos que poderemos gozar na PlayStation TV están títulos de grande peso como Crash Bandicoot, Driver, God of War Collection, Grand Theft Auto: Vice City Stories, Hotline Miami, Killzone Mercenary, LittleBigPlanet (PSP), Metal Gear Solid, Persona 4 Golden, Pixeljunk Monsters: Ultimate HD, Rayman Origins, Spyro The Dragon, Street Fighter Alpha 3 Max, Tekken, Tomb Raider e Vagrant Story, aos que pode sumarse boa parte dos xogos de PS Vita (que poden adquirirse en formato descargable ou introducirse directamente se están en formato tarxeta, estando xa confirmada a compatibilidade duns 160 xogos) e moitos xogos de PSP e PS One en formato descargable.
Para poder gozar dos xogos en PlayStation TV é preciso contar cun mando sen fíos DualShock 4 ou DualShock 3, á venda por separado (e que pode que moitos teñan xa na casa por ser os controladores típicos das consolas PS4 e PS3 respectivamente).

PUBLICIDADE