A RAGC entrega os seus premios anuais a investigacións que rompen a barreira do laboratorio

mércores, 15 de abril do 2026 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou no Pazo de San Roque de Santiago o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas (convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación) e o Premio de Divulgación Científica.
Na súa intervención, a vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez, puxo de relevo “a elevada calidade” das candidaturas presentadas aos diferentes premios. Na súa intervención salientou que “a ciencia e a tecnoloxía xogan un papel clave como motores do desenvolvemento económico dun país, polo que comunicar os descubrimentos e avances científicos e as súas aplicacións á sociedade é unha prioridade. Por iso, os investigadores e os medios de comunicación deben estreitar lazos para afrontar o gran volume de desinformación que nos rodea e contribuír dun xeito decisivo á construción e consolidación da sociedade do futuro”.
Un fármaco para o tratamento do ictus
Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia comprenden dúas categorías, premiadas con 5.000 euros cada unha. O Premio Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada recaeu no proxecto que busca mellorar o tratamento do ictus isquémico, do Grupo Ictus Translacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), liderado por Francisco Campos. Desenvolveron un novo fármaco orientado a protexer o tecido cerebral danado tras un ictus, co obxectivo de reducir a extensión da lesión e mellorar a calidade de vida dos afectados.
O investigador destacou que “a transferencia de tecnoloxía é esencial para que os avances científicos non queden no laboratorio, que se convertan en solucións concretas que melloren a saúde e a calidade de vida das persoas. Neste sentido, este proxecto busca situar a Galicia como un referente en investigación biomédica translacional no campo do ictus cerebral”.
Unha tecnoloxía que dixitaliza o selado das latas de conserva
O Premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía a unha empresa foi para o Grupo de Control non Liñal da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, coordinados por Miguel Díaz-Cacho. Desenvolveron unha tecnoloxía que permite a dixitalización e control do proceso de selado das latas na industria alimentaria, que ata o de agora era manual. Lógrase así aumentar a produción, mellorar os controis de calidade, aforrar material selante, evítase desperdiciar millóns de tapas, e as posibles anomalías na produción poden resolverse de xeito automático e remoto. Esta tecnoloxía transferiuse á empresa ACTEGA Artística, con sede no Porriño.
“Este premio non é para min, nin para o equipo, nin sequera para a empresa, senón para toda Galicia nun dos sectores mais importantes da súa economía. Desenvolvemos unha tecnoloxía que supón un salto importantísimo na industria do selante de conservas e que ten o potencial de ser catalizador doutros avances en industrias similares. Así mesmo, é a validación de que os desenvolvementos científicos e tecnolóxicos poden romper a barreira do laboratorio para xerar un impacto real na sociedade”, remarcou Díaz-Cacho.
Premio a Teresa Rocamonde
O Premio de Xornalismo Científico foi para a reportaxe Os fármacos do centeo de Teresa Rocamonde, emitida na Televisión de Galicia. Narra a historia dos primeiros fármacos elaborados na nosa comunidade con caruncho de centeo, para tratar afeccións como a migraña, o glaucoma ou as hemorraxias posparto. A xornalista recibiu unha dotación de 3.500 euros.
Na súa intervención, manifestou: “O xornalismo científico é unha obriga nesta era das redes sociais onde é tan doado difundir e dar credibilidade a noticias falsas, pseudociencia e teorías conspiradoras. Ademais de informar, permite promover o pensamento crítico para poder tomar mellores decisións individuais e colectivas”.
Accésit para Cinthya Martínez e Alejandro López-Benito
Outorgouse un accésit de 1.500 € á reportaxe Así es el Google Maps de los cirujanos de Cinthya Martínez e o cámara Alejandro López-Benito, publicada en La Voz de Galicia.
Amosa como o equipo de impresión 3D do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) deseña modelos tridimensionais para planificar e optimizar intervencións cirúrxicas complexas. “Nunha sociedade na que proliferan as loiadas, na que todo o mundo pode difundir ideas, sexan certas ou non, o xornalismo científico cobra cada vez máis importancia” -apuntou-.
Premio de Divulgación Científica para o neurocientífico Xurxo Mariño
O Premio de Divulgación Científica foi para o neurocientífico Xurxo Mariño, investigador do grupo Neurocom da Universidade da Coruña, dedicado desde hai máis de tres décadas á difusión do coñecemento científico en Galicia, no resto de España e a nivel internacional, sobre temáticas que afectan á nosa vida cotiá. É colaborador habitual en xornais, dixitais, revistas como Muy Interesante, programas de radio como Julia en la Onda de Onda Cero ou de televisión como Órbita Laika de La2-TVE.
Imparte conferencias para todos os públicos en lugares diversos, desde centros de ensino a centros penitenciarios. Desenvolve cafés-teatro científicos en bares de pequenas localidades e leva por toda España os seus shows divulgativos. Manifestou que “a divulgación da ciencia axuda a formar unha cidadanía con capacidade crítica sobre o funcionamento deste mundo, fundamental para poder tomar decisións ante realidades do noso día a día como as vacinas, a enerxía nuclear ou os alimentos transxénicos”.
A Consellería
No acto participaron como dixemos o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e máis a directora de GAIN, Carmen Cotelo, quen subliñaron o talento de Galicia no ámbito da investigación e resaltaron a importancia de contar con voces autorizadas que sexan quen de contar a ciencia e transmitir a magnitude dos avances científicos e tecnolóxicos na Galicia Calidade.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP colabora coa Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) na convocatoria destes galardóns, que premian casos de éxito de transferencia de coñecemento en Galicia e recoñecen o papel dos medios de comunicación en achegar a ciencia á sociedade. A translación de resultados dos centros de I+G+i ao tecido produtivo é unha das prioridades de Galicia, tal e como recolle o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.