A Rede, a mellor aliada para a publicidade
martes, 15 de marzo do 2011
“A
efectividade da comunicación publicitaria atópase en Internet”; sobre esta idea xiraba o relatorio do planner dixital e experto en search
marketing, Miguel Guardia, no marco das xornadas De promesa a realidade.
A comunicación made in Galicia, celebradas este luns na facultade de Ciencias
Sociais da Universidade de Vigo, en Pontevedra.
O relator convidado referíase ao fenómeno que se está a detectar na
chamada “revolución dixital”, na que os
hábitos e costumes de practicamente toda a cidadanía quedan reflectidas na Rede
polo que é alí onde os anunciantes teñen que buscar os seus clientes
potenciais.
Segundo informan dende o Diario da Universidade de Vigo (DUVI)
referíndose ás palabras de Miguel Guardia, “o consumidor abandonou ese rol para converterse en creador, editor
e distribuidor de información que os propios medios tradicionais toman como
fidedigna” algo do que temos constancia cada día, por
exemplo, nas redes sociais, entre outras ferramentas online.
Guardia comparou a revolución dixital actual coa industrial do século
XIX e augurou que “do mesmo xeito que asumimos traballar oito horas e nunha produción en
cadea, teremos que asumir este novo cambio que está a mudar a comunicación
convencional”.
Xa que logo, neste novo contexto no que
prima o dixital, os internautas “asumen o
papel de xornalistas do século XXI, que crean, editan, comparten e recomendan
información” a través da Rede, levando incluso a súa vida real ao virtual e
viceversa.
Son os que o experto denomina “Xeración Me”, referíndose ao nativos
dixitais, “que teñen a súa conta de
correo, o seu blog, o seu perfil en Facebook, as súas etiquetas, os seus
produtos…”, que dan pistas dos seus hábitos de consumo aos anunciantes.
Ante este
panorama, conclúe o relator, “o reto das
marcas atópase en conectar con ese público creador de contidos, esixente e
multitarefa a través dos seus gustos que quedan reflecitidos nas súas procuras
na Rede”.
