A Rede de Dinamización entrega os galardóns do seu Concurso de Iniciativas

mércores, 17 de decembro do 2008 Raquel Noya

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información vén de facer entrega, onte martes día 16 de decembro, dos galardóns correspondentes ao seu II Concurso de Iniciativas que levou a cabo por segundo ano consecutivo con motivo do Día das Letras Galegas, o Día de Internet e o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.
O evento tivo lugar no Centro Comarcal do Salnés, na localidade de Cambados e contou coa presenza de Montserrat Prado Cores, delegada da Consellaría de Innovación e Industria en Pontevedra e de Emilio Manuel Martínez Rivas, xerente da Sociedade de Desenvolvemento Comarcal, entre outras personalidades.
Os colectivos aos que se dirixiu este evento foron a empresa, as mulleres, os maiores, as persoas con discapacidade, o software libre, as asociacións e a poboación en xeral; e a Rede de Dinamización convocouno para dar conta de dous obxectivos claros: por unha banda, pretendíase vincular a cada un destes colectivos co galego así como incrementar a percepción do noso idioma como unha lingua útil no eido das Novas Tecnoloxías, e por outra, darlle pulo ao emprego das TIC nas actividades cotiás e profesionais de cada un dos devanditos colectivos.
Podemos dicir, pois, que o obxectivo principal deste II concurso de Iniciativas era “visualizar e pór en valor a sinerxía que se produce na conxunción das TIC co galego”. As iniciativas que optaban aos galardóns debían contemplar os seguintes obxectivos específicos:

- Fomentar o uso do galego nas TIC.

- Promover iniciativas que, mediante o emprego das TIC, permitan a cada un dos colectivos participar activamente no desenvolvemento da Sociedade da Información.

- Proporcionar aos/as dinamizadores/as unha ocasión para desenvolver o seu talante innovador e emprendedor, en prol de achegar o uso do galego e das TIC aos colectivos obxectivos.

- Impulsar a realización de actividades encamiñadas a potenciar a implicación activa do/a dinamizador/a no contorno da súa entidade colaboradora.

Nesta convocatoria, na categoría de Software Libre, a iniciativa vencedora foi o proxecto, II Xornadas de Software Libre: Software Libre e Asociacións, que se celebrou o 5 de maio na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rei, no Grove, e na que se abordaron aspectos como o Software libre e Asociacións, Ferramentas de Software Libre: Mozilla Firefox, Thunderbird, GRUVI (cesión de equipos obsoletos da Universidade de Vigo a entidades social totalmente equipados en Software Libre), virtualización de Linux sobre Windows e mitos sobre Linux.
Tamén se presentou a proposta da creación dun Portal Web para as asociacións da comarca (por parte da Sociedade Comarcal). A xornada foi levada a cabo por Ana María Rosales García, dinamizadora no Concello do Grove, Ana Lorenzo Rivas, dinamizadora no Concello de Sanxenxo, Alberto Fandiño Mariño e Eliana Bouzas Collazo, dinamizadores no Centro Comarcal do Salnés.

PUBLICIDADE