A SNES Mini chega ás tendas con certa normalidade

venres, 29 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Hoxe chega ás tendas a agardada Nintendo Classic Mini: Super Nintendo Entertainment System, máis coñecida como SNES Mini, consola con aire retro que por 79 euros ofrece a posibilidade de gozar de máis de 20 xogos clásicos da Super Nintendo nun televisor moderno, pero conservando a experiencia orixinal ao contar con réplicas dos seus mandos, mentres que a consola en si ten un tamaño reducido que busca converterse nun obxecto de colección.
A demanda deste produto é realmente elevada, o que provocou reservas masivas, e incluso cadeas como El Corte Inglés tivo que comunicarse con moitos dos seus clientes para indicarlles que non poderían entregarlles as consolas reservadas até mediados do mes que vén, o que contrasta co feito de que haxa cadeas comerciais que teñan unidades nos seus lineais durante esta mesma mañá.
A SNES Mini será un produto algo difícil de conseguir sen reserva previa ou sen recorrer á compra en liña, pero aínda que son moitas as tendas que xa teñan esgotado existencias, é posible facerse con unidades en moitas tendas galegas, e incluso algunha tenda en liña está a aceptar pedidos hoxe mesmo, o que dá a entender que non vai repetirse o que aconteceu coa NES mini (que foi practicamente imposible de adquirir en tenda), e facendo que a venda especulativa de consolas perda todo o sentido, resultando absurdo que moitos tenten vender unidades a entre 100 e 150 euros cando hoxe pode encargarse por 79 euros.
Lembremos que a SNES Mini é unha pequena consola que se alimenta por USB e conéctase ao televisor a través dun cable HDMI, contando con 2 mandos de Super Nintendo e 21 xogos preinstalados como Super Mario World, Super Mario Kart, The Legend of Zelda: A Link To The Past, Super Metroid, Donkey Kong Country 64, Star Fox ou Super Ghouls’n Ghosts, que podemos considerar como unha das mellores seleccións de xogos de 16 bits para os que queren rememorar as franquías que en moitos casos hoxe seguen totalmente vixentes, de xeito que estamos ante clásicos que demostran o seu status co ben que envelleceron.

JPEG - 97.6 KB
Hoxe mesmo é posible atopar existencias da SNES Mini en vairas tendas galegas e incluso é posible realizar pedidos para recibir a consola en poucos días (sen reserva previa)

Vídeo promocional da SNES Mini

PUBLICIDADE