A TVG tira proveito da HbbTV para promocionar G24.gal

xoves, 10 de marzo do 2022 Marcus Fernández

A CRTVG desenvolveu nas últimas semanas unha campaña promocional destinada a dar a coñecer entre os seus espectadores con televisores conectados a nova páxina web dos seus servizos informativos, G24.gal, para o que tiraron proveito da tecnoloxía HbbTV, ou sexa, facendo uso do estándar para a TDT interactiva.
A campaña, emitida en diferentes espazos da TVG, ofreceu aos espectadores a oportunidade de acceder á páxina web dos informativos da Galega a través dun código QR que aparecía en pantalla, buscando así que fosen ao espazo web promocionado dende os seus dispositivos móbiles.
Estamos ante o que denominan Addressable TV, sistema que permite a personalización e a interacción directa entre a canle de televisión e os espectadores, facilitando que o público poida acceder a información adicional simultaneamente aos contidos da televisión lineal, potenciando o uso do móbil como segunda pantalla que complemente as emisións televisivas.

PUBLICIDADE