A Tecnópole acada o fito de 109 empresas acubilladas
xoves, 2 de febreiro do 2017
O
Parque
Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, vén de ir alén da barreira das
cen empresas acubilladas. Este fito foi acadado no último mes,
coa solicitude de incorporación de nove novas firmas a través de
requirimento de domiciliación virtual, peticións que recibiron o
visto bo definitivo no Consello de Administración celebrado hoxe na
Tecnópole. Segundo informan fontes do Parque, esta modalidade de
emprazamento virtual xa dá acollida a 27 novas iniciativas de
negocio e eleva o número total de sociedades radicadas na Tecnópole
a 109. Con este tipo de domiciliación, as start-ups
achandan o terreo para a súa instalación in
situ ou ben
proseguen a súa actividade de mercado sen sede física estábel pero
co “extra” de estaren vencelladas á Tecnópole.
As
empresas que desde hoxe forman parte da Tecnópole están
especializadas en biotecnoloxía, vehículos eléctricos, novas
Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC),
comercialización de equipamentos tecnolóxicos, comercio electrónico
e consultoría de negocio. Segundo
informa o Parque, a
maior parte delas son novas iniciativas de negocio postas en marcha
por empresas consolidadas tanto de dentro (como
Conexiona e
Tendeus) como
de fóra do Parque Tecnolóxico de Galicia.
Polo
que respecta á biotecnoloxía, o sector estará representado por
Origo Biopharma, que se centra na investigación e o desenvolvemento
de produtos e servizos farmacéuticos innovadores.
No
ámbito dos vehículos sustentábeis, a achega vén da man de Tabao,
que se adica ao
deseño e fabricación de
motocicletas, bicicletas e
dispositivos de transporte persoal eléctrico.
As
TIC e o comercio electrónico están representadas por
Hubpaq e Flipaus Marketplace, centradas
no ecommerce,
e tamén por
Between Roads, emprazada
na xestión
de proxectos de alicerce
tecnolóxico,
mediante a participación, investimento e asesoramento na busca de
capital para firmas
innovadoras do novo selo. Tanto
Tabao, como Hubpaq, como Flipaus e Betwen Roads son produto da
estratexia de diversificación da consultora TIC Tendeus,
radicada na Tecnópole.
No
eido da actividade comercial nas plataformas dixitais insírese
igualmente
Strategenial, unha
firma en proceso
de constitución destinada
a desenvolver
plataformas tecnolóxicas nos sectores de alimentación e bebidas,
así como no de organización de eventos.
Pola
súa banda, Txstockdata
proseguirá
na Tecnópole co
seu proxecto para optimizar ao máximo un software con capacidade
para relacionar o
investimento financeiro coas redes sociais (na
liña da súa aplicación
Senseitrade, da
que xa temos falado polo miúdo en Código Cero).
Pola
súa banda, Sertelfin e Infinitus Rent, vencelladas
a Conexiona, adicaranse
ao subministro e
aluguer de
equipamento tecnolóxico baixo a modalidade de renting.
Segundo informa a
Tecnópole, Infinitus Rent financiará todos os proxectos de software
de Conexiona en España e Portugal.