A Tecnópole anuncia a XIII edición do seu campamento tecnolóxico de verán

luns, 19 de maio do 2025 Redacción

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), promove un ano máis o seu campamento tecnolóxico de verán T2W (Tecnópole Technological Workshops), que chega á súa décimo terceira edición en colaboración coa Consellería de Economía e Industria.
A actividade, centrada na divulgación científica de calidade para a mocidade, está dirixida a 80 rapaces de entre 12 e 18 anos (de 6º de Primaria a 2º de Bacharelato), repartidos en dúas quendas de 40 participantes. A primeira terá lugar do 30 de xuño ao 4 de xullo, e a segunda do 7 ao 11 de xullo, en horario de 10:00 a 18:00 horas. As inscricións deben formalizarse vía web.
O éxito do módulo Voamos con números: unha aventura aérea, desenvolvido ao longo do curso escolar na Aula Newton Galicia (situada no propio parque), levou a Tecnópole a estruturar o campamento arredor desta mesma metodoloxía e recursos.
Durante os obradoiros, os participantes poderán pilotar simuladores de voo profesionais, crear plans de voo, iniciarse na montaxe e manexo de drons, na programación de placas electrónicas e na creación de prototipos mediante impresión 3D. O enfoque será eminentemente práctico e experimental, cun programa que introduce conceptos básicos de aviónica e electrónica ligados ao sector aeroespacial.
O custo da actividade é de 150 euros, e inclúe todas as actividades, materiais tecnolóxicos e científicos, transporte desde distintos puntos da cidade de Ourense, comida e acceso diario ás piscinas do Parque.
A través desta proposta, Tecnópole busca que os mozos adquiran novos coñecementos no ámbito STEM e que desenvolvan actitudes como a curiosidade, a iniciativa e o espírito emprendedor. O Parque Tecnolóxico leva anos apostando por fomentar vocacións investigadoras e innovadoras entre a xuventude.

Vídeo no que amosan o módulo Voamos con números