A UDC colabora con Oracle para impulsar as competencias dixitais da comunidade universitaria
mércores, 17 de xuño do 2026
A Universidade da Coruña (UDC) asinou un acordo estratéxico con Oracle, converténdose nunha das primeiras universidades de España en unirse á iniciativa Oracle Skills Development Initiative (SDI).
A Universidade explicou que “esta colaboración, canalizada a través da Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade, marca un paso significativo no compromiso da UDC coa innovación e a empregabilidade, proporcionando ao estudantado e ao persoal acceso a formación avanzada e certificacións recoñecidas a nivel global en tecnoloxías de vangarda”.
Ao unirse a esta iniciativa, a Universidade quere dotar á súa comunidade de “habilidades altamente demandadas no mercado laboral actual”.
A través deste acordo, as persoas participantes beneficiaranse de acceso ilimitado a unha selección clave de itinerarios formativos de Oracle University a través da plataforma Oracle MyLearn. O programa ofrece contido actualizado de maneira continua en áreas estratéxicas como Oracle Cloud Infrastructure (OCI), intelixencia artificial, xestión de datos, arquitectura na nube, desenvolvemento de software, DevOps, ciberseguridade, bases de datos, APEX e diferentes aplicacións específicas dos ámbitos empresariais como ERP, HCM, SCM e CX.
A UDC engadiu que “estes itinerarios formativos estruturados están deseñados para guiar progresivamente ao alumnado cara á obtención de certificacións Oracle recoñecidas no plano internacional, mellorando o perfil profesional, incrementando a empregabilidade e abrindo portas a novas oportunidades de carreira nun mercado global competitivo”.
A vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da Universidade da Coruña, María José Lombardía, sinalou que se trata “dunha oportunidade moi valiosa para que o noso alumnado adquira competencias altamente demandadas polo mercado laboral, reforzando a súa preparación para o seu futuro profesional e contribuíndo, ao mesmo tempo, á construción e fortalecemento do tecido socioeconómico da nosa contorna”.
Pola súa banda, Diana Fernández, vicepresidenta EMEA de Oracle, engadiu que “nun momento clave para a adopción da intelixencia artificial, esta colaboración impulsa a empregabilidade reforza o talento dixital e apoia ao tecido empresarial local con profesionais preparados para os retos actuais”.
