A UDC e Everis mostran esta semana todo o que debemos saber sobre o blockchain

luns, 5 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Cátedra UDC-Everis de Transformación Dixital, que dirixe a profesora Adriana Dapena e que ten o obxectivo de impulsar conxuntamente propostas prácticas de innovación educativa, vai organizar este 6 de novembro unha xornada sobre a cadea de bloques, o que se coñece como blockchain nos novos ámbitos de negocio ligado ás novas tecnoloxías. A cita, que se desenvolve na aula 3.2 da Facultade de Informática ás 15:30 horas, contará coa presenza de Victoria Torres, responsábel de blockchain de Everis, Alejandro Castro, xefe técnico de Everis, e Antonio Comesaña, de Agalbit.
Esta xornada ten o obxectivo de explicar que é a cadea de bloques, onde a cando se emprega así como analizar como se está a implantar en Galicia e en España. Antes, pola mañá, ás 12:30 horas, haberá unha reunión de traballo no Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC) dos participantes nesta xornada cos grupos de investigación do CITIC.
Para quen non o saiba, o blockchain é unha tecnoloxía que, entre outras cousas, salienta por posibilitar a transferencia de datos dunha maneira cen por cen segura grazas a unha codificación avanzada que ceiba o camiño de intermediarios que comproben a información. Trátase, nun plano máis concreto, do cifrado de datos que está detrás da moeda virtual bitcoin. Ten grandes aplicacións para crear outras criptomoedas e, polo tanto, unha nova maneira (radicalmente diferente e mesmo revolucionaria) de entender a economía.

PUBLICIDADE