A UNED Pontevedra presenta os seus cursos de verán

luns, 19 de maio do 2025 Redacción

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou esta mañá na presentación da nova edición dos cursos de verán 2025 da UNED Pontevedra. Esta iniciativa, que conta co respaldo da institución provincial, forma parte da «colaboración estreita e a comunicación directa que temos as dúas institucións para poñer en marcha numerosas accións ao longo do ano», segundo indicou Domínguez.
A programación deste ano inclúe 15 cursos que se desenvolverán a partir do 30 de xuño en diferentes puntos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, O Porriño, Portas e Tui) así como en formato en liña. Unha das accións terá lugar no centro penitenciario da Lama, o que «permitimos que a cidadanía acceda a formación de calidade nunha etapa na que coas vacacións e o maior tempo de lecer moita xente persigue as súas inquedanzas intelectuais e académicas».
Domínguez subliñou que «a programación está ligada a asuntos de grande actualidade», e abordará materias moi diversas, entre as que destacamos o curso Intelixencia Artificial Xenerativa: a última revolución que se desenvolverá do 9 ao 12 de xullo no centro asociado do Porriño. Este curso introducirá na IA xenerativa, dará conto dos seus desafíos legais e éticos, indicará aplicacións, dará conta de usos para a creación de imaxes e vídeo e da súa aplicación na programación informática, abordará as posibilidades dos axentes e incluso explorará o seu impacto na ciberseguridade.
O vicepresidente provincial deu os parabéns á UNED «polo seu compromiso» e animou á cidadanía a participar nos cursos. Ademais, asegurou que «seguiremos colaborando para que a UNED teña esa importancia e presenza no noso territorio».