A UNED trae a Ourense un congreso internacional sobre ferramentas dixitais na resposta humanitaria

mércores, 29 de xuño do 2022 S. P.


Durante os vindeiros 6 e 7 de xullo, a cidade de Ourense será escenario de celebración do Congreso Internacional sobre Ferramentas Dixitais e Innovación na Resposta Humanitaria. Cooperación para a Innovación e o Intercambio de Boas Prácticas, que se celebrará nos salóns do Arquivo Histórico Provincial con motivo da celebración dos 50 anos da UNED.
A Universidade Nacional de Educación a Distancia, un dos grandes piares formativos e investigadores da cidade das Burgas, explica deste xeito os porqués deste relevante evento de vocación global: “As novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación ofrécennos a oportunidade de mellorar a axuda humanitaria. Para iso hai que ter en conta a todos os actores implicados neste tipo de proxectos solidarios, desde os expertos até os cidadáns que demandan axuda. Formar ben aos profesionais é unha prioridade en todos os países da UE, reforzando as súas competencias dixitais. E é necesario compartir as boas prácticas en diversas contornas”.
O congreso encádrase no proxecto Erasmus+ Strategic Partnerships for higher education Innovation in Humanitarian Response: InovHumRe 2020.
O evento servirá para presentar algúns dos principais resultados obtidos até a data no proxecto InovHumRe, e ao seu abeiro abrirase un espazo de debate con relevantes expertos externos, e con todos os inscritos no congreso.
En primeiro lugar, presentaranse as principais experiencias de axuda humanitaria e dixitalización en Turquía, Portugal, España, Colombia e Brasil. En segundo lugar, analízanse algunhas ferramentas como a foto-denuncia, o co-deseño e os recursos dixitais, con especial atención ás boas prácticas desenvolvidas en EE.UU., Portugal e España, e daranse a coñecer os resultados no ámbito da axuda humanitaria e a innovación educativa. Ademais das sesións principais, os inscritos poderán participar coas súas comunicacións en cinco sesións de debate.

Programa

O catedrático Antonio López Peláez, director do congreso

O día 6, entre as 10.00 e as 10.15 horas celebrarase a inauguración na que estarán presentes a vicerreitora primeira e vicerreitora de Investigación, Transferencia do Coñecemento e Divulgación Científica da UNED, Rosa María Martín Aranda; a decana da Facultade de Dereito da UNED, Ana Loreto Mohino Manrique; o coordinador do Proxecto Erasmus de Innovación en Resposta Humanitaria, Paulo Pedroso; o profesor de Traballo Social e Servizos Sociais da Facultade de Dereito da UNED, Antonio López Peláez, quen ademais dirixe o congreso, e o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz.
A este acto foron convidados tamén o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso; o subdelegado de Defensa, coronel Gustavo Doncel; o delegado provincial da Xunta, Gabriel Alén; a directora de Cáritas Ourense, María Tabarés e a vicerreitora do Campus de Ourense da Uvigo, Elena Rivo, entre outros convidados oficiais pertencentes á Garda Civil, Policía Nacional, Policía Local, Bombeiros e Protección Civil de Ourense.
A primeira sesión servirá para analizar o caso de Turquía en boas prácticas en resposta humanitaria. Intervirán Gökan Topcu, Görkem Kelebek; Hakan Sakarya e Reyhan Atasü, todos eles da Universidade Hacettepe, expertos en fotografía e en dixitalización.
Haberá unha sesión en inglés e outra en español. Ás 12.00 comezará unha segunda fase na que se van presentar as boas prácticas en resposta humanitaria desenvolvidas en Portugal. Haberá unha mesa redonda con Paulo Pedroso, Jorge Ferreira, Joana Azevedo e Annelien Groten, todos eles do
ISCTE. Ás 12:50 horas haberá unha sesión de paneis. Ás 15.00 horas será o momento de coñecer esas boas prácticas en resposta humanitaria en España. Para iso organizouse unha mesa redonda na que estarán Ángel de Juanas (UNED), Francisco Javier García Castilla (UNED) e Raquel Pelta Resano (UB). A continuación terá lugar outra sesión de paneis.
Ás 16:25 poderanse coñecer as boas prácticas en resposta humanitaria en Brasil. Para analizar este caso intervirán en mesa redonda Celso Castro e Eduardo Mello, ambos os dous do Centro de Pescuda e Documentação de Historia Contemporánea do Brasil (CPDOC).
Ás 18:00 horas será o momento de Colombia, no que Paula Andrea Ceron Arboleda e Jorge Illera, ambos os do ICESI, exporán as boas prácticas en resposta humanitaria neste país.
O 7 de xullo, ás 10.00 horas, comezará unha mesa de traballo social dixital. Intervirán Gloria Kirwan do RSCI de Dublin; Chaime Marcuello, da Universidade de Zaragoza e Joaquín Castillo de Mesa, da Universidade de Málaga.
Ás 11:40 horas coñecerase o proxecto Photovoice de foto denuncia coa intervención de Mieko Yoshihama, da Universidade de Michigan; José Luís Fernández Pacheco, da Universidade de Estremadura e Eduardo Marques da Universidade de Azores.
A seguinte mesa redonda comezará ás 15.00 horas, e versará sobre as experiencias de coidados e compartir boas experiencias baixo a pandemia de CIVID-19, novas aproximacións para ensinar e aprender a través de medios remotos. Aquí falarán Jerry Floersch e Jeffrey Longhoffer, da Universidade de Rutgers e Shuang Lu, da Universidade de Hong Kong.
Ás 16:30 horas a nova mesa redonda versará sobre ferramentas dixitais e ensino virtual tras a pandemia IASSW e ICSW. Diso disertarán Annamaria Campanini, do International Assotiation of Schools of Social Work (IASSW) e Antonio López Peláez, do International Council of Social Welfare (ICSW).
A continuación procederase a clausúraa, coa participación de Reyhan Atasü- Topcuoglu, da Universidade Hacettepe; Paulo Pedroso, do ISCTE e Antonio López Peláez, da UNED.

PUBLICIDADE