A UNESCO crea un portal de compartición de recursos educativos
luns, 19 de marzo do 2007
A Organización de Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) vén de crear en Internet unha plataforma aberta que achega recursos de formación a educadores e alumnos e que ofrece un espazo no que estes poidan compartir contidos.
Entre os temas dos programas e recursos cos que conta a devandita plataforma, figuran, entre outros, a alfabetización, a informática, as actividades empresariais, o medio ambiente ou o desenvolvemento comunitario. A meirande parte destes programas son de licenza aberta, o que permite o libre acceso ós mesmos cando se empregan para actividades sen fins lucrativos como a ensinanza, o aprendizaxe e a investigación.
A plataforma foi concibida para dar conta de todo o material elaborado polos copartícipes no proxecto, como organismos das Nacións Unidas, gobernos e organizacións non gobernamentais coa finalidade de facerlle chegar o coñecemento ós grupos de poboación máis desfavorecidos.
Por ende, os recursos dispoñibles na web están destinados a satisfacer as necesidades específicas dos responsables da elaboración de políticas, dos especialistas en desenvolvemento e dos de educación.