A USC e Política Lingüística recoñecen a aposta polo galego do alumnado da USC nos seus traballos académicos
venres, 19 de abril do 2024
Este xoves 18 de abril celebrouse en Santiago, no Paraninfo da USC, o acto de entrega dos XIX Premios á Calidade Lingüística, uns recoñecementos impulsados pola Universidade de Santiago co apoio da Consellería de Cultura e Educación (a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística) para fortalecer e reivindicar o emprego da lingua galega na elaboración e na defensa oral dos traballos desenvolvidos polo alumnado da universidade compostelá. No acto participaron o reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro José López.
Tamén interviñeron Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Verónica Civeira Pérez, quen falou en nome de todas as persoas premiadas.
Nesta nova edición, o certame recibiu preto de 200 propostas entre as tres modalidades de participación: académicos, de fin de grao (TFG) e de fin de mestrado (TFM). Na modalidade de traballos académicos, o xurado concedeu o premio na área de Arte e Humanidades a Flor Fernández Suárez por Comentario CSM 276: O monteiro a quen lle caeu unha campá na cabeza.
En Ciencias da Saúde premiouse o traballo Memoria das Estancias Non Clínicas e na Administración, de Sabela Blanco Penelas, e na de Ciencias Sociais e Xurídicas o titulado O mérito e a idade como criterios morais para a distribución de recursos escasos, da autoría de Andrés Vázquez García. Nas dúas áreas restantes os premios quedaron desertos.
En canto aos traballos de fin de grao, en Arte e Humanidades recolleron o premio ex aequo Manuel Catelao Ouzande por A deriva autoritaria nos movementos nacionalistas flamengo e ucraíno (1914-1939): Debates, dinámicas e consecuencias e Brais Costas Fragueiro por Primeira aproximación aos protocolos notariais de Johán Rodríguez (Catedral de Tui, 1413-1442).
Tamén na área de ciencias o xurado decidiu repartir o premio entre os TFG Verificación dosimétrica de tratamentos de radioterapia metabólica mediante detectores externos. Unha proba de concepto baseada en simulación Monte Carlo, de Pedro Otero Casal, e Síntese caracterización e estudo do comportamento in vitro de origamis de ADN: Parte B, de Beatriz Lista Lema.
Estudo clinicopatolóxico de linfomas plasmablásticos diagnosticados no HCU de Santiago, de Alexandre Rey López, foi o gañador de Ciencias da saúde; mentres que en Ciencias Sociais e Xurídicas recaeron ex aequo en A literatura dramática galega como recurso didáctico desde unha metodoloxía activa de aprendizaxe cooperativa, de María Gloria Queizán Fernández, e O valor da transmisión [inter]xeracional na aula de educación infantil: unha proposta didáctica a partir de contos ilustrados, de Estefanía Bugallo Vega.
Por último, na área de Enxeñaría e Arquitectura Antonio Moscoso Sánchez recolleu o premio polo seu TFG Elaboración de novos modelos de síntese de voz para o idioma galego empregando técnicas de deep-learning.
Traballos de fin de mestrado Na categoría que resta, O republicanismo galego durante o Sexenio Democrático (1868-1874), de Fermín Caamaño Louro, e Diverxidade, de Andrea Maseda Prado, foron os gañadores ex aequo na categoría de TFM na área de Artes e Humanidades; e en Ciencias, recolleu o seu premio Javier Corral Sertal por Estudo da condutividade térmica no Fe2GeTe2, un material ferromagnético bidimensional.
Tamén ex aequo foi o premio en Ciencias da Saúde, que recaeu en Papel de FABP4 e mecanismos involucrados na cadiopatía auricular, de Xocas Vázquez Abuín, e Análise das habilidades de comunicación dos profesionais de enfermaría de atención primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, de Verónica Civeira Pérez.
En Ciencias Sociais e Xurídicas o xurado recoñeceu o traballo O movemento polos dereitos civís (1954-1968) a través dunha situación de aprendizaxe: Resultados do traballo cun grupo de 1º de Bacharelato, de Aloia Insua González; e xa por último, en Enxeñaría e Arquitectura gañou o TFM Análise tecno-económica da purificación de ácidos graxos volátiles obtidos de correntes residuais, de Hugo Quintana Álvarez.