A USC instalaralle Galinux a tódolos alumnos que asistan á Install Party 2009</em

martes, 3 de marzo do 2009 Raquel Noya

A Asociación de Usuarios de Linux da Universidade de Santiago de Compostela (AULUSC), vén de anunciar a celebración, o vindeiro xoves 5 e venres 6 de marzo, da Install Party 2009, unha actividade que ten como obxectivo axudarlle aos participantes a instalar un sistema operativo GNU/Linux no seu equipo, ben sexa portátil ou de sobremesa.
Nesta edición da Install Party empregarase o novo sistema operativo en galego Galinux recentemente publicado por Mancomún, e a cada participante faráselle entrega dunha copia dos mesmo en formato CD para que o leven consigo.
A intención é que ao final da actividade, os asistentes teñan un sistema operativo plenamente funcional, con todo tipo de aplicacións libres, tanto de traballo como de ocio e diversión, de balde e en galego.
Aínda que teñen preferencia os estudantes de primeiro curso de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas da USC, a actividade está aberta a tódolos estudantes da Universidade de Santiago de Compostela; mais, estes últimos, deberán solicitar praza antes das 11:00 horas do xoves 5 de marzo, enviando un correo electrónico co seu nome e apelidos a aulusc@aulusc.org.es indicando como asunto Inscrición Install Party 2009.
Asemade, á hora de realizar a inscrición, cada participante deberá escoller a modalidade que prefira, podendo escoller entre estas dúas:
-Virtualización: é un método totalmente seguro que permite instalar un sistema operativo sen modificar o sistema actual, mediante un software de virtualización que deberá instalarse previamente. Os participantes que escollan esta opción deberán dispoñer dun espacio en disco suficiente para gardar a imaxe virtualizada. É necesario que haxa como mínimo 10GB baleiros no sistema.
-Particionamento hardware: é o método de instalación que ofrece un mellor rendemento ó usuario pero ten riscos de perda de información (en moi poucos casos). Os participantes que escollan esta opción deberán traer o disco duro debidamente acondicionado, cun espazo de 10GB non asignados en unha partición extendida (máis información sobre particionado do disco duro e gparted).
A Install Party terá lugar na aula I8 da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, situada no Departamento de Electrónica e Computación; cada sesión dará comezo as 12:00 horas e terá unha duración estimada de 2 horas.
Os responsables do evento recoméndanlle aos asistentes que realicen unha copia de seguridade dos datos dos seus ordenadores antes de proceder á instalación do novo software e, no caso de levar un ordenador de sobremesa, que empreguen os monitores que hai na aula.
Asemade, recomendan que o equipo dispoña dunha tarxeta de rede (cableada ou sen fíos) para deixar o sistema correctamente actualizado. Para poder acceder a Internet cun interfaz sen fíos, din, “é preciso darse de alta previamente na rede sen fíos da USC”.

PUBLICIDADE