A USC participa nun sistema de IA capaz de predicir o risco de desenvolver diabetes

mércores, 21 de xaneiro do 2026 S. P.

Francisco Gude, profesor e investigador da USC (Facultade de Mecina), lidera unha investigación internacional que emprega tecnoloxías de intelixencia artificial para predicir o risco de desenvolver diabetes ou eventos cardiovasculares como infartos ou ictus, e faino a través da monitoraxe continua dos datos de glicosa.
Trátase de GluFormer, un produto dunha investigación internacional que acaba de publicar Nature (A foundation model for continuous glucose monitoring data) na que participou a USC, co profesor e investigador da Facultade de Medicina Francisco Gude á cabeza, e que reúne persoal científico Australia, Dinamarca, Israel, Suíza, Emiratos Árabes Unidos, Estados Unidos e España.
Para aproveitar o potencial do seguimento continuo de glicosa, o equipo de investigación ideou esta ferramenta de IA que se adestrou con más de 10 millóns de medicións de máis de 10.000 persoas adultas, a maioría delas sen diabetes.
“Logo do adestramento”, explica o investigador da USC, “o modelo aprendeu representacións que se aplicaron con éxito a 19 cohortes externas de distintas etnias, grupos de idade e condicións de saúde, entre elas prediabetes, diabetes tipo 1 e 2, diabetes xestacional e obesidade”.
Esas representacións, explica Gude, “melloraron de forma importante a predición de niveis de glicosa con respecto ao que proporcionan as medicións basais tradicionais”.
A achega do equipo da USC centrouse na validación do modelo, en preto de 600 adultos seguidos durante unha media de 11 anos, a quen o modelo predixo con precisión o risco de desenvolver diabetes e mortalidade cardiovascular.
Para o equipo de investigadores, GluFormer “abre a porta a intervencións preventivas e terapéuticas máis temperás e personalizadas (incluída a nutrición de precisión), optimizando o seguimento clínico en prediabetes, diabetes, obesidade e diabetes xestacional”, á vez que favorece un enfoque de medicina de precisión en saúde metabólica.