A UVigo celebra online a terceira edición do Foro Emprego

xoves, 25 de marzo do 2021 Sandra Rivadulla

A Universidade de Vigo celebra a terceira edición do Foro Emprego, que organiza a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. As actividades comezaron hoxe e levaranse a cabo ata o vindeiro venres. A iniciativa consiste en tres intensas xornadas de actividades en liña, nas que participan 39 empresas e institucións e 577 persoas. Destacan organizacións de diversos sectores, como por exemplo Abanca, Adecco, Adolfo Domínguez, a Axencia Estatal da Administración Tributaria, Bimba y Lola ou Hijos de Rivera.
O obxectivo principal destas xornadas é “facilitar o acceso ás alumnas e alumnos da Universidade de Vigo ao mercado laboral”. De feito, a UVigo conta con dúas das titulacións máis demandadas polas empresas: Administración e Dirección de Empresas e Economía, ademais do dobre grao ADE-Dereito.
As empresas impartirán conferencias que incluirán dende presentacións de marca ata diferentes sesións de orientación laboral e de procura de oportunidades de emprego e emprendemento. Desta forma, a UVigo “busca atopar unha dobre finalidade: achegar as empresas e despachos profesionais ao alumnado e ofrecer ás firmas que participan a posibilidade de que se dean a coñecer e de captar talento”. Ademais, a empresas participantes pretenden chegar a todo tipo de graduados, dende os enxeñeiros/as ata os estudantes que xa terminaron carreiras como relacións públicas ou comercio.
Polo momento, unicamente levouse a cabo de feito presencial a intervención do decano na inauguración, que estivo acompañado polo reitor, Manuel Reigosa, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. O resto de actividades mudaron de formato debido á pandemia, pois é imposible realizalas de forma presencial. Todas elas teñen unha duración de arredor de 20 minutos e retransmítense en directo a través da propia web do Foro Emprego. Neste intre, xa se levaron a cabo charlas como a da empresa de avogados On Tax & Legal ou a da farmacéutica Lonza Biologics.
Doutra banda, a Universidade de Vigo presenta no Foro Emprego as bolsas de investigación do goberno de Xapón e a oferta de mestrados da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

PUBLICIDADE