A UVigo impulsa un congreso internacional sobre o potencial da IA contra a desinformación
martes, 28 de maio do 2024
O grupo de investigación Sepcom e o grupo de innovación docente Dixitais, da Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra, van organizar un congreso internacional que porá o foco nos retos e as oportunidades que achega a Intelixencia Artificial na loita contra a desinformación. Será os días 20 e 21 de xuño.
Encadrado nas actividades da Cátedra UNESCO Educación transformadora: ciencia, comunicación e sociedade, da Universidade de Vigo, este II Congreso Internacional de Comunicación en la Sociedad Digital terá como un dos seus eixes centrais “o problema da desinformación como un dos desafíos claves que deben afrontar as sociedades contemporáneas". Mais concretamente, este foro virtual fará fincapé nas implicacións que poden ter neste eido as ferramentas de IA, que poden supor un, sinalan, “grave perigo”, pola súa capacidade de xerar informacións falsas “dificilmente distinguíbeis da realidade”, pero tamén “unha ferramenta de utilidade para combater este fenómeno”, explican dende a organización do evento.
Dirixido por Alberto Dafonte e María Isabel Míguez, este congreso virtual foi impulsado por primeira vez o pasado ano, no marco das actividades do proxecto Narrativas digitales contra la desinformación verificación de datos y alfabetización en la sociedad digital. A primeira edición contou coa participación de máis dun centenar de relatores de 14 países, o que levou aos seus promotores a dar continuidade a esta iniciativa. Xa fóra do proxecto, esta segunda edición buscará, como apunta Dafonte, abordar “temáticas relacionadas coa comunicación na sociedade dixital máis diversas”, dentro das que prestarán especial énfase ás implicacións da lA neste eido. “No ámbito da comunicación en particular, está tendo uns efectos enormes, tanto a nivel de recepción por parte do público, como a nivel laboral, en empresas dos ámbitos do xornalismo, a publicidade ou deseño, que están a testar diferentes ferramentas”, engade o coordinador do grupo Dixitais.
Míguez engade que “se ben é sinxelo xerar desinformación utilizando ferramentas de Intelixencia Artificial, que dificultan ademais que se identifique como tal, as entidades de verificación e os propios medios de comunicación tamén están recorrendo a ferramentas de IA para a detección de noticias falsas; de aí que se teña convertido nun terma central de investigación e ao que se prestará especial interese nesta segunda edición dun congreso que, polo seu carácter virtual, facilita a participación de investigadores de diferentes universidades” e de persoas que se atopan “en fases iniciais da carreira investigadora”, apunta o investigador.
Coa inscrición aberta, os directores deste congreso agardan repetir as cifras de participación da primeira edición, nun evento que poderá seguirse de xeito gratuíto a través dunha plataforma virtual. Xunto ás conferencias plenarias, o congreso estruturase en dez simposios temáticos, nos que os inscritos e inscritas poderán atopar as comunicacións e presentacións en vídeo dos diferentes relatores e relatoras, que poderán consultarse ao longo das dúas xornadas, así como realizar preguntas aos seus autores e autoras. Entre as liñas de análise propostas atópanse tanto o papel da Intelixencia Artificial como xeradora de “innovacións xornalísticas”, como en materia de alfabetización mediática ou na “xestión de reputación e activos intanxíbeis”. Así mesmo, outros bloques temáticos estarán centrados na comunicación política, desinformación e redes sociais, na ética no xornalismo dixital, no activismo social en internet ou nos “retos dixitais” da publicidade.