A Universidade da Coruña estreará Grao en Intelixencia Artificial o vindeiro curso

mércores, 15 de xuño do 2022 Redacción

A Universidade da Coruña ofrecerá o vindeiro curso dous novos graos, o Grao en Intelixencia Artificial, na Facultade de Informática, no Campus de Elviña, e o Grao en Relacións Internacionais, na Facultade de Humanidades e Documentación, no Campus de Ferrol. Ademais, entre outras novidades porase en marcha un itinerario en inglés para o alumnado do Grao en Tecnoloxías da Enxeñería Civil. O alumnado poderá optar por matricularse nun grupo con clases en inglés ou no grupo de docencia habitual con clases en español e galego.
“A UDC conta cunha oferta consolidada para dar resposta ás necesidades da sociedade presentes e futuras”, asegurou a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, no acto de presentación da oferta formativa esta mañá.
A vicerreitora salientou que a Universidade da Coruña é unha universidade dinámica, innovadora, aberta e participativa, con máis de trinta anos de existencia, tempo no que se reflexionou sobre a oferta académica para adaptala aos requirimentos da sociedade. Un proceso de adaptación que non remata nunca, opinou Vázquez, xa que, segundo os expertos, o 75% das profesións do futuro están por definirse. “Na UDC temos que formar a mozos e mozas que melloren o mundo”, resumiu a vicerreitora engadindo que “a universidade debe manter o seu protagonismo como motor de transformación social e impulsar o cambio”.
Nancy Vázquez rematou a súa intervención facendo unha petición ao alumnado que acaba de presentarse á Abau. “Que pense ben que quere estudar pois é unha decisión moi difícil e é moi importante elixir por vocación. Queremos que todo o estudantado abra a porta desta universidade e entre no seu futuro”, animou.

Grao en Intelixencia Artificial

O Grao en Intelixencia Artificial (A) da Universidade da Coruña é unha crecente evolución natural no seo da Facultade de Informática pois son máis de trinta anos impartindo materias de IA no Grao en Enxeñaría Informática e con investigadores con resultados moi bos neste tema, o que fai que a UDC conte con profesorado experto para impartir este novo grao, segundo explicou a coordinadora do título, a profesora Bertha Guijarro.
Ademais, hai unha necesidade na sociedade de contar con profesionais en IA cunha demanda que Guijarro cuantificou que estaba a medrar nun 80% anual. En España hai moi poucas universidades nas que se ofreza esta titulación. Isto require, apuntou a coordinadora, “dunha resposta por parte da UDC para formar a eses especialistas e con este grao a Universidade da Coruña posiciónase nesa carreira”.
O Grao en IA impartirase de forma conxunta nas tres universidades galegas pero individualmente. Os dous primeiros anos serán de materias comúns e despois cada universidade terá a súa especialidade que, no caso da UDC será Sociedade e Empresa Intelixente. Ademais, en cuarto curso, a Universidade da Coruña ofrecerá un itinerario DUAL, é dicir, o alumnado poderá adquirir algunhas competencias directamente en empresas do sector TIC.
A IA coa mención de Sociedade e Empresa Intelixente formará a profesionais capaces de aplicar as ferramentas e métodos propios da IA non só a actividades cotiáns das persoas senón a diferentes áreas da actividade profesional e de servizos como o ámbito sanitario, industrias de materiais, enxeñaría, ámbito financeiro, educación, transporte ou medio ambiente. As persoas especialistas en IA gozan dunha situación laboral moi favorable, de pleno emprego, sendo un dos perfís profesionais máis demandados e mellor remunerados nacional e internacionalmente e un dos sectores de emprego máis puxantes.

PUBLICIDADE