A Xbox Series S sitúase ao prezo máis agresivo da súa historia

luns, 21 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Esta semana os produtos de electrónica de consumo celebran a proximidade do Black Friday con grandes rebaixas, como tamén fai o sector dos videoxogos, con grandes descontos en xogos e accesorios, e unha impresionante sorpresa por parte de Microsoft, que até o 28 de novembro desconta 50 euros na Xbox Series S, de xeito que na Microsoft Store pode adquirirse por 249,99 euros, pero este prezo é unicamente unha referencia, e hai establecementos que melloran o prezo, como Amazon, que vende a consola de nova xeración por 228,99 euros.
Noutras circunstancias a rebaixa da Xbox Series S non sería tan rechamante, pero chega nun momento no que a PlayStation 5 continúa a ser moi difícil de adquirir, e normalmente só pode conseguirse en lotes que superan os 750 euros de prezo.
Microsoft aproveita para lembrar que é posible subscribirse ao Game Pass por só 1 euro o primeiro mes, que varios mandos das súas consolas teñen un 30% de desconto, e máis de 900 xogos de Xbox teñen descontos de até o 67%. Unha boa oportunidade para facerse con eses produtos antes do Nadal, aínda que no caso das consolas Xbox a plataforma de xogos está máis enfocada a instar aos xogadores a subscribirse so Game Pass que a mercar xogos (aínda que iso segue a ser posible, aínda que no caso da Xbox Series S, só en formato dixital, xa que carece de lector de discos).

PUBLICIDADE