A Xunta apoia o proxecto de fábrica intelixente de CONGALSA
martes, 3 de marzo do 2020
O
conselleiro
de Economía, Francisco Conde, visitou este martes as instalacións
de CONGALSA na Pobra do Caramiñal, acompañado da directora da
Axencia Galega de Innovación-GAIN, Patricia Argerey. Ambos foron
recibidos polo director xeral da compañía, Luis Miguel Simarro, e a
directora de RREE, Isabel Cañas. Con esta visita, o titular de
Industria apoia o proxecto de fábrica intelixente da empresa,
denominado Congals4.0, o cal se desenvolverá ata o 2022.
De
feito, CONGALSA converteuse nunha das empresas seleccionadas pola
Xunta no marco da terceira edición do Programa Fábrica Intelixente,
cuxo obxectivo radica en favorecer o avance do tecido industrial
galego cara un modelo 4.0. Neste senso, a compañía levará a cabo o
seu proxecto en colaboración co Centro Tecnolóxico de
Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) ao amparo dunha convocatoria
subvencionada e impulsada por GAIN, axencia dependente da Consellería
de Economía, Emprego e Industria, e co-financiada con cargo a fondos
europeos FEDER.
Durante
a visita, Luis Miguel Simarro afirmou que a empresa está preparada
para “deseñar e consolidar un modelo industrial 4.0 que consiga a
maior flexibilidade e transparencia nun entorno e nun sector en
constante cambio e hiperconectado.” Máis polo miúdo, o proxecto
contribuirá á empresa a converterse nun dos tractores do cambio,
cara un modelo fabril intelixente, no sector alimentario galego.
Pola
súa parte, Francisco Conde apuntou que, xunto con Gradiant, no marco
deste programa CONGALSA está a desenvolver un proxecto para
converter as súas instalacións nunha fábrica máis flexible,
automatizada e con tecnoloxías que permitan obter datos en tempo
real. Conta cun orzamento de 4’9 millóns de euros e nel traballan
19 profesionais; tres dos cales son de nova contratación por parte
de CONGALSA. Conde tamén lembrou que a empresa recibe hoxe mesmo
unha mención nos premios RSE polo esforzo que está a facer en favor
da conciliación dos seus traballadores e traballadoras.
O
conselleiro subliñou que a través da innovación esta empresa trata
de achegar valor engadido aos seus produtos para estar á vangarda. E
lembrou que a Xunta traballa da súa man noutros programas como a
aceleradora BBFood, as Unidades Formativas ou en programas de
internacionalización.
Trátase,
dixo, dunha das empresas do sector galego da alimentación que mellor
exemplifica como a transformación dixital se ten convertido nunha
necesidade e, á vez, nunha oportunidade para a mellora de procesos.
CONGALSA
é unha das empresas de alimentación líderes do mercado galego. A
compañía, especializada na elaboración de produtos precociñados
ultraconxelados, pechou 2019 cunha facturación de 83 millóns de
euros e mobilizou un total de 24’5 millóns de toneladas de
produtos nas súas diferentes gamas. Con presencia en 35 países,
recentemente formalizou a adquisición da compañía lusa Sulpasteis
para fortalecer a súa expansión internacional.